¡Débesnos moitas paradas, Pedrouzo!

La Voz MIGUEL ALBO

DEPORTES

13 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

De repente, sen agardalo, antonte nos deixaba un xoven xogador do Balonmán Viveiro. Alejandro López Pedrouzo, Álex para os seus amigos e Pedrouzo no mundo do balonmán, perdía a vida en Vigo con tan só 24 anos, vítima dun derrame cerebral. Álex chegou a Viveiro con 11 anos, pero rapidamente se soubo facer querer e se integrou nunha das pandillas do pobo. O mesmo fixo no equipo de balonmán, pese a que empezou a xogar xa con 15 anos. O seu positivismo e o seu eterno sorriso fixeron que cedo callara entre os compañeiros. Trala súa marcha a Vigo para estudar Enxeñería Industrial estivo varios anos xogando en dous equipos da cidade olívica, pero acudía ao Municipal de Viveiro nas vacacións para adestrar e sempre conseguía alegrarnos o día coas súas divertidas aventuras. As mostras de cariño e apoio chegadas de técnicos, xogadores e árbitros de Vigo demóstrannos que alí tamén se fixo querer.

O ano pasado decidiu volver vestir a camisola do equipo no que se criou. Coas súas excentricidades, a miúdo bromeábamos coa súa antiga teima de encher os dedos de esparadrapo, pero sempre demostrando ser un grandísimo compañeiro, xa fora animando desde a pista, no banquillo ou na distancia. Nunca lle faltaba unha palabra de alento, mesmo cando se atopaba gozando dunha bolsa Erasmus en Lituania. Deixounos cando aínda lle quedaban moitas paradas por facer, como aquela mítica que sufríramos en Viveiro cando xogaba no Galicia Social vigués. O Balonmán Viveiro perde a un xogador, vaise un dos nosos, pero gaña un seguidor eterno. Ata sempre Pedrouzo!!!

Os funerais celebraranse hoxe, a partir das 16.45 horas, na igrexa parroquial de Santa Cristina de Asma (Carballedo). O Balonmán Viveiro pon a disposición de xogadores, amigos e todo aquel que queira asistir un autocar que partirá ás 13.45 horas da estación de autobuses de Viveiro e voltará tralo sepelio.