Luis López, «Lucho»: «Santi danos máis liberdade»

M.G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

DEPORTES

Di que a liña de traballo é a mesma, pero agora cun xogo menos mecánico

09 oct 2012 . Actualizado a las 14:04 h.

Catro partidos cun balance de tres vitorias e un empate, o conseguido diante do Barça, falan dun extraordinario arranque de curso do Santiago Futsal. Con vento de cola, o equipo está voando. E véselle máis atrevemento para inventar.

-Pregunta tópica para empezar. ¿Cal é a chave deste bo inicio de campionato?

-Seguir co traballo destes anos. A variante deste ano é que Santiago danos máis liberdade para xogar. Pero a filosofía segue a ser a mesma. Por iso empezamos ben.

-Aí ía eu, colectiva e individualmente. Vostede mesmo, vendo o resumo de Segovia, parecía Alemao.

-Santiago danos esa confianza de xogar como sabemos, dános liberdade. Con Tomás había máis xogadas prefabricadas, era un fútbol máis mecánico.

-O venres chega o Puertollano de Frois. O porteiro de Sar estivo a piques de marcarlle ao Ríos.

-Vimos un pouco do partido. Xusto no momento en que fixo a xogada estabamos véndoa todos. Foi unha risa. Case lle sae.

-E que fixo unha finta nada doada.

-Foi incrible. Faino nos adestramentos, e se o adestrador lle deixa, el inténtao.

-Agora o obxectivo é chegar ao parón no máis alto da táboa.

-Si, non podemos fallar agora. Non valen escusas. Hai que gañar como sexa. Estamos nuns postos privilegixiados que non pensabamos ao principio.

-¿Nótanse as baixas e, por ende, o menor número de rotacións? Parece que as acusaron máis co Azkar que en Segovia.

-Tamén depende do partido. Quizá en Segovia a xente atopábase mellor fisicamente. Santiago pregúntanos ao longo do partido, porque hai que alargar o tempo en pista pero sen que se resinta o equipo.

-Coido que vostede xa chegou oito minutos seguidos en Tudela, todo un rexistro.

-Non o sei. Naquel partido tivemos a mala sorte da lesión de Hugo ao principio. O normal é estar tres minutos e medio ou catro. Se hai que estar máis, estase. Pero Santiago sempre nos di que ten que ser ao cen por cen na pista.

-¿Que referencia ten do Puertollano?

-Creo que baixou o nivel respecto ao ano pasado, pero é un conxunto atrevido, con moita xente que se quere dar a ver na categoría, e cun adestrador con experiencia na Liga.

luís lópez, lucho xogador do santiago futsal