Carlos Meixide gaña o Premio de Novela Camiño de Santiago

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Meixide recibiu o premio de mans de Palmou e xunto ao conselleiro de Cultura
Meixide recibiu o premio de mans de Palmou e xunto ao conselleiro de Cultura SANDRA ALONSO

A obra «Camiño de paixóns» publicarase antes do verán

18 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos González Meixide recibiu este luns o galardón como gañador da primeira edición do Premio de Novela Camiño de Santiago, convocado pola Academia Xacobea, coa obra Camiño de paixóns. Trátase dunha creación na que, segundo o galardoado, «úsase o Camiño de Santiago e as persoas que o fan como escusa para falar doutras moitas cousas». Meixide mostrou a súa sorpresa e agradecemento polo recoñecemento. «Para unha persoa coma min, que leva xa uns aniños intentando vivir do oficio de escritor e da literatura en galego, sempre é de agradecer este tipo de recoñecemento. Espero que a novela sexa unha digna gañadora e que este premio teña un longo percorrido», afirmou no acto celebrado na Cidade da Cultura.  

O premio convocado pola Academia Xacobea, coa colaboración da Consellería de Cultura, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, Naturgy e Galaxia, conta cunha dotación de 6.000 euros, ademais da publicación da obra en galego e en castelán. Segundo anunciou o director da editorial, Francisco Castro, a obra verá a luz antes do verán. «Será unha novela que non vos vai deixar en ningún momento tranquilos», avanzou, despois de destacar o nivel alto das dezaseis obras que se presentaron ao concurso.

O presidente da Academia Xacobea, Jesús Palmou, xa avanzou durante a entrega que haberá unha próxima edición do certame despois do «éxito, tanto pola calidade da gañadora como pola cantidade e procedencia das novelas presentadas». Entre os orixinais había traballos chegados desde a Arxentina e Colombia, ademais de doutras partes de España. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, incidiu en que este tipo de iniciativas promoven tanto a cultura como o Camiño. Na entrega do premio lembraron a Luís Reimóndez, presidente da Fundación Neira Vilas falecido o sábado.