«Nosoutras» amosa o interese de María Victoria Moreno por dignificar as mulleres

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

emilio moldes

A editorial Urco trouxo á vida un libro de relatos, moitos deles inéditos, da autora homenaxeada das Letras Galegas

26 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía recentemente Begoña, a filla de María Victoria Moreno, que o feito de que as Letras Galegas se lle dedicasen a súa nai fíxolle descubrir moitas cousas dela que descoñecía. «Eu sempre a vin principalmente como nai e agora, en gran parte, descúbroa como autora e como unha muller comprometida, inmensa...», explicaba Begoña nunha entrevista, case como xustificándose. Esa sensación, a de estar a descubrir a unha persoa moi brava, moi xenuína e moi xusta, á par dunha enorme narradora, téñena tamén moitas outras persoas. Afortunadamente, aínda que o 17 de maio xa quedou atrás, cada día xorden novas oportunidades de coñecer un pouco máis a María Victoria Moreno. Quedou demostrado onte en Pontevedra, onde se deu a benvida a unha criatura literaria da súa autoría: Nosoutras. Trátase dun libro de relatos, boa parte deles inéditos, que forma parte da fermosa e valente aposta da editorial Urco por darlle visibilidade a María Victoria Moreno.

En Nosoutras, María Victoria Moreno fai protagonistas ás mulleres. Fala de mulleres que aturan, de mulleres que calan e doutras que se rebelan. Fala de mulleres que sufrían antes e que sofren agora porque, desafortunadamente, as historias que conta seguen vixentes. María Victoria, en realidade, escribía como vivía. E vivía como era. E como era? Era puro compromiso. Pura liberdade. E iso leváballe a dignificar ás persoas en xeral e ás mulleres en particular a través da súa escrita. Lembrouno onte, nunha entrañable presentación do seu libro, a concelleira pontevedresa Anabel Gulías, que foi alumna súa: «Era cómplice dos estudantes, ensinábate a pensar por ti mesma, a ser libre», dixo.

Palabras semellantes saíron tamén da boca de Andrea Jamardo, de Urco, que apostou por editar as obras de María Victoria cando a RAG aínda non decidira dedicarlle as Letras Galegas. «Creo que foi a mellor decisión que tomei na miña vida», indicou Jamardo, que reivindicou a importancia da literatura infantil e xuvenil que tanto identifica a María Victoria, e dixo que a do 17 de maio foi «unha homenaxe de xustiza a unha autora case esquecida». Na presentación falou tamén Xavier Senín, que traduciu do castelán ao galego algún dos relatos de Nosoutras e que fixo algo aínda máis importante: como amigo de María Victoria, convenceuna para que nunca deixara de escribir. Foi unha presentación intimista, emotiva, máis de andar pola casa ca de salón literario. Nin que a tivese organizado María Victoria.