Eli Ríos: «A poesía tamén está no cotián»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

CESAR QUIAN

A escritora acaba de gañar con «Culpable» a cuarta edición do premio de poesía López Abente

09 ago 2017 . Actualizado a las 23:32 h.

Eli Ríos vén de gañar a cuarta edición do premio de poesía López Abente cun rompedor poemario que titulou Culpable. Nada en Londres (1976) e veciña de Cambre, avanza que o xoves estará en Muxía para recoller o seu galardón. É consciente de que se trata dunha obra arriscada, de que ela arriscou e de que o xurado tamén. Culpable é un proceso de anos. Leva tres ou catro «dando voltas». Ten ido a outros premios, pero desta foi, logo dunha «carreira de paciencia». Mereceu a pena. En setembro sairá ademais á rúa Luns, novela coa que acadou o Torrente Ballester. Máis ca estar vivindo unha boa etapa, prefire pensar que tal coincidencia de galardóns é un recoñecemento ás horas de traballo. Atopa o material no día a día: infantil, poesía, novela... O acoso escolar, o paso do tempo, os prototipos ou o cancro están nas súas obras. A escrita garda o pouso daquelas historias que escoitaba do avó de Lesta (Ordes). 

-¿Como recibiu a nova?

-Hoxe é moi difícil publicar. A cantidade económica do premio é importante, pero saber que ese libro podería saír nunha editorial como Xerais foi o que me levou a presentarme. Que no xurado houbese poetas, como Miro Villar ou Serxio Iglesias, tamén me animou. Cando mo dixeron non o podía crer. Pode soar tópico, pero este é un texto complicado, escrito cunha prosa poética, uns versos moi longos, e enriba di cousas que van contra a mesma poesía: temos que reformularnos, refundarnos. Pretendía que fose unha bomba, que estoupase e nos fixese pensar en que estamos facendo mal para que a poesía non chegue.

-¿Que diría que é «Culpable», cal é o fío condutor, se o hai?

-O fío condutor é aquela persoa que quere matar os eus líricos. Supón matar toda esa requinta e parafernalia que hai na poesía. Para iso, o que se fai é traballar con frases do día a día, é dicir, a poesía tamén está no cotiá. Ten, ademais, unha cousa fundamental que falta na poesía: o humor. Este é un texto para botarte unhas risas ao mesmo tempo que, dende o humor, pensas que podemos cambiar.

-¿Cre que a poesía hoxe adoece dese mal e por iso non chega aos mozos, por exemplo?

-¡Si! ¡Claro! Se non non escribiría un poemario sobre iso. Hai cousas que cuestionarse, tanto a xente que escribe como a xente que le. Hai quen merca unha cunca cunha frase bonita e che di: ¡Mira que poético! Non, iso é unha cunca cunha frase, non é poesía. Temos que plantexarnos en que mundo vivimos, se no do Sálvame [fai mención neste senso ao arranque da feira literaria da Coruña] ou se realmente imos apostar polas artes.

-¿Que é para vostede a poesía?

-A poesía é unha óptica. É unha lente, é un telescopio polo que ver e interpretar o mundo.

-¿Que saúde ten hoxe o mundo literario e editorial?

-O mundo literario, editorial e da escrita ten unha saúde fantástica. ¡Para algo somos galegas! Ten unha vizosidade incrible, hai moita xente facendo cousas interesantísimas, hai unha vida cultural enorme. O problema non é a cultura galega ou o sistema cultural galego. O problema é que temos un goberno que non aposta por nós, que non temos proxección cara o exterior, o problema é a perda de falantes e iso lévanos outra vez ao goberno... Temos unhas políticas que están intentando destruírnos día a día. Non pode ser que unha editorial para publicar teña uns custes tan altos, un IVE tan alto, porque iso repercútenos a nós. Están afogando aos editores.

-Parece que trunfa a literatura de consumo rápido. En Carballo vimos de ter a Praza dos Libros, que dalgún xeito é a resistencia...

-Si, en Carballo tedes unha xente que fai unha actividade cultural... Faleciu recentemente Paco Souto, está Rosalía Fernández Rial... Hai unha cantidade de xente que chega a estar en Reino Unido ou en Francia e serían auténticas estrelas de masas. Pero temos un sistema tan viciado...  Hai lugares como Carballo que resisten e resisten. Onde ademais nin sequera é forzado, non tes que andar buscando a xente polas portas, senón que vai porque o goza.

-A Costa da Morte é un territorio fértil, din que cousa do mar ou da terra... 

-¡Eu creo que é máis da xente! Sodes xente brava, que non se deixa amedrentar. Aí, en Carballo, tedes a Evencio, a Nel... Está pasando no País Vasco: están recuperano falantes do euskera porque o goberno o apoiou. Aquí mátannos.

-¿Pode vivir vostede da creación literaria?

-Non, non é posible. Facenda sempre nos retén ademais unha parte importantísima dos premios, mais non che dá nin un bolígrafo ou folio para escribir.

-¿Donde atopa o material literario?

-No día a día. Cando saes á rúa sempre hai música, hai un paxaro, un gato... A poesía é igual, unha forma de mirar a vida. En infantil, en Bicha trato sobre o acoso escolar, un tema que está ao noso redor. En Marta e a píntega trato de como a sociedade nos vai educando para ser princesas e do difícil que é romper eses prototipos que nos van contando dende crianzas. En poesía, Anamnese aborda o paso do tempo ou, a última novela que vai saír agora en setembro, Luns, trata dunha muller que recibe un diagnóstico de cancro. É a propia vida a que che fai parar, pensar...

-Luns acadou o Torrente Ballester.

-Si, o terceiro máis grande de toda España.

-Non sei se podemos dicir que está en racha, nunha boa etapa, ou que conseguiu o que merecía.

-Gústame máis a segunda opción. A veces parece que ás mulleres nos dan as cousas feitas, pero hai moitas horas de traballo detrás.

-¿E cal foi o proceso para «Culpable»?

-Os poemarios sempre son procesos de moitos anos. Unha vez rematado, aínda veñen máis anos, e neste caso ao ser un texto diferente, un texto rompedor, foi a moitos premios antes de chegar a este. É unha carreira de moita paciencia. Tes que dar cun Miro Villar ou cun Iglesias que apostan polo teu poemario e merece moito a pena. Pero si, xa leva tres ou catro aniños dando voltas. 

-Vostede ten pasado por aquí, por Carballo, con obradoiros.

-Estiven nun que organizou a Sociedade Pedagóxica Galega no Pazo da Cultura. Unha experiencia incrible.

-Unha nova cara para os escritores. ¿Teñen que ser tamén hoxe os seus propios relacións públicas? 

-Agora si existe unha axencia literaria, pero todos estes anos ata aquí estivemos sen ela. Non se dá en ningunha literatura. Volvemos á labor do goberno: non se apoian infraestruturas, non hai posibilidade de relación ou difusión, acaban matando todos os proxectos. No meu caso, o dos obradoiros, fágoo porque me encanta. Revitalízame. Falar coas crianzas é aprender todos os días. Non están condicionadas. É unha pasada traballar coa rapazada. Había un en Carballo que era incrible.