A visita á casa de Rosalía, unha viaxe sensorial e literaria ao corazón da autora

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Mila Méndez / Marco Gundín

O renovado proxecto do museo actualiza o seu discurso á altura da importancia da escritora

25 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Existen lugares dotados dunha resonancia especial, onde aguzando os sentidos e poñendo a funcionar o maxín, é posible transportarse no tempo. Lugares que convidan a sumarse ás vidas de quen os habitaron: mirar pola mesma xanela, tocar as mesmas pedras, escoitar os sons que un día encheron eses mesmos cuartos e que dá a impresión de que non desapareceron, senón que esmoreceron ata facerse inaudibles, pero que en realidade seguen á espera de que chegue alguén coa sensibilidade necesaria para recuperalos.

Na Casa-Museo de Rosalía, a coñecida como casa da Matanza, a súa derradeira morada e escenario do seu pasamento, a pegada da escritora é tan fonda que semella factible esa viaxe no tempo. As primeiras edicións dos seus libros convidan a sentir a emoción que ela debeu de vivir cando viu os seus versos en letra impresa. O sofá e as súas cadeiras remiten a tardes familiares de conversa, e o piano ao seu carón ben podería volver soar, para solaz dunha muller que aprendera música nos seus anos mozos no compostelán Liceo de la Juventud. Ante a lareira, non é difícil visualizar o lume no que quecía «un caldo de groria» ou ese «bolo de pote que é cousa de envidiar». E dende os retratos, os pictóricos como o de Brocos ou fotográficos como o de Sellier, Rosalía devolve a mirada a quen a olle en fite: serena unhas veces, absorta outras, engaiolante sempre, porque, igual que coa súa poesía, consegue coa súa expresión e as súas palabras materializar eses sentimentos que pola súa fondura non somos quen de extraer por nós: precisamos da poeta para que nos preste a súa voz e os seus ollos e así acadar con plenitude o que aniña no corazón.

En primeira persoa

Ese lar, ese fogar, convida hoxe a percorrelo co mesmo degoiro delongado co que un podería acubillarse nas páxinas de Cantares gallegos ou Follas novas. A casa, hospitalaria, fala en primeira persoa dos seus habitantes. Hai á penas uns días a Fundación Rosalía presentou á sociedade un novo discurso museográfico que se constrúe sobre a experiencia de anos na tarefa de divulgar a vida e a obra da escritora, pero que aspira a un relato renovado dende os parámetros que esixe o século XXI. Primeiro cumpría intervir na propia casa, que acusaba os efectos do paso dos moitos visitantes que leva ás súas costas e que ademais contaba cunha historia de seu na que pasou por altibaixos.

PACO RODRÍGUEZ

Por isto mesmo a casa inicia o seu novo discurso coa explicación da tarefa heroica de adquisición e reforma dun inmoble que estaba chamado a albergar á homenaxe permanente aos seus habitantes. Despois da morte de Rosalía, Murguía e a familia mudárase á Coruña, e a vivenda empezou unha nova xeira. Tras un cambio de propietarios, acabou arrendada á unha empresa de madeiras que estragou o entorno coa súa actividade. Esta firma elixira a casa da Matanza pola súa proximidade ao ferrocarril, precisamente o mesmo motivo que levou ao matrimonio Murguía-Castro a instalarse preto das vías, na procura das facilidades de comunicación do novo medio de transporte -a Santiago, á Coruña- que ademais simbolizaba o progreso. Pioneiros en tantos ámbitos, tamén o foron neste, converténdose nos primeiros commuters conscientes da comunidade.

Foi a teimosía e confluencia de personalidades como Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera Pérez quen non só conseguen comprar a casa, senón que tamén poñen en marcha a creación dun Padroado -que tivo o mérito engadido de reunir a algúns dos galeguistas de antes da guerra que xa iniciaban a tarefa da reconstrución cultural de Galicia- para que a vivenda se poida transformar en museo. Isto foi a finais da década dos corenta, pero converter esta ilusión en realidade aínda levaría máis anos. En 1970 José Manuel Rey de Viana lanza a proposta dunha subscrición popular que permita afrontar o custe das obras. La Voz de Galicia asume a campaña e durante varios meses centraliza as doazóns, que culminan na recollida de case un millón de pesetas e a inauguración da casa o 15 de xullo de 1971 e a súa apertura ao público o ano seguinte.

As vitrinas instaladas no baixo do museo ofrecen aos visitantes un relato resumido desta epopea, que no fondo tiña por obxectivo a creación dun espazo digno á altura do que significaba Rosalía, literaria e simbolicamente para Galicia. A través de recortes do xornal da época, fotografías, cartas, recibos e outros documentos, pode tomarse conciencia do esforzo e a magnitude da operación. Algunhas destas testemuñas teñen un grande valor de seu, como a fotografía que retrata a Gala, filla de Rosalía, na visita que fixo o 10 de setembro de 1950 á casa da Matanza, rodeada dos impulsores da súa transformación en museo. Volvía, como escribiu Juan Naya en La Voz, ao «lugar amado». E na visita ofreceu datos clave, como o relato da derradeira foto á familia, en 1884, arredor do chamado loureiro dos poetas.

Os obxectos que suman o ronsel dunha vida que segue a inspirar

Iniciouse un período de reflexión que se centrou na escolla das pezas

 

Rosalía fala por boca da súa poesía. Pero tamén hai obxectos que semellan traernos no tempo a súa voz. Algúns son moi persoais, outros son circunstanciais, ademais dos que pertenceron á súa época. Pero o seu conxunto, a través da orde coherente da museografía, permite reconstruír e apreciar mellor a senlleira traxectoria da escritora. Porque aínda que a obra de Rosalía fascina mesmo no seu primeiro encontro, coa súa beleza, intensidade e apelación, non é menos certo que a información contribúe a un gozo e coñecemento especialmente importante no caso de alguén cuxa obra ofrece mil e unha relecturas.

Son precisamente as novas lecturas da súa obra e a súa vida a que demandaban unha posta ao día da exposición destes obxectos. O director do plan museolóxico e museográfico da casa e o proxecto aprobado polo Padroado apostaban por superar un modelo de simulación do ámbito doméstico, que tanto ten influído en espazos deste tipo, para acadar outro xeito de comunicación. Para iso, nada mellor que o principal activo co que contaban, a casa, para que fose ela mesma a que introducise no seu novo relato aos visitantes.

Para acadar este obxectivo iniciouse un período de reflexión que se centrou na escolla das pezas, a análise da colección propia e que outros obxectos merecía incorporar, co gallo de levar a cabo as xestións necesarias. Mobles e outras pertenzas, libros e manuscritos, fotografías e cadros organizáronse de xeito que se propuxese unha nova ollada a Rosalía e o seu mundo.

Diferentes interpretacións

Aí están os retratos que dan fe das etapas da súa vida, enmarcada na imaxe da súa nai e o bosquexo que dela fai o fillo, Ovidio, no leito de morte. Entre ambos estremos está contida unha existencia que se someteu -e somete- a diferentes interpretacións. A través dos seus escritos e rastros persoais un pode achegarse a esa figura que tanta pegada deixou, como testemuñan as mostras de agarimo chegadas da emigración, a quen Rosalía cantou con tanta elocuencia. Neste sentido, a nova proposta de musealización non se centra só na escritora, senón que abre máis protagonismo ás demais persoas que compartían a casa con ela, dende Murguía ás fillas e o fillo pintor, Ovidio, de quen se incorporan varias obras, entre elas a que posiblemente sexa a de maior tamaño, Árbore do monte, pintada en 1899 e restaurada no Museo de Belas Artes da Coruña.

E, igualmente, tampouco se detén neste ámbito doméstico, xa que achega cumprida información da Galicia do tempo no que viviu Rosalía, algunha de gran impacto visual, como a vista de Santiago por Ramón Gil Rey no ano de nacemento da escritora, 1837. Tamén é significativa a inclusión de referencias ao que significou Rosalía para os devanditos emigrantes, ademais de para as xeracións que recolleron o facho do galeguismo iniciado no Rexurdimento, e as mulleres e o feminismo, que viron nela un exemplo inesgotable.

Un novo discurso con tecnoloxías do século XXI nun espazo reformado

Os obxectos falan. Convén ver neles non un fetichismo, senón a vía directa que transporta ao tempo e a persoa no que tiñan outro sentido: agora son pezas de museo, pero non por iso son fósiles ou reliquias. O novo discurso da Casa-Museo de Rosalía consegue iso mesmo, xuntar o respecto coa información sen caer na devoción baleira. O caso máis paradigmático é o guecho do cabelo da escritora. Está tratado como o que é, o testemuño dunhas prácticas e dunhas crenzas que din tanto da admiración que espertaba a autora como o ánimo dos contemporáneos que se achegaban á súa figura. O guecho foi tomado durante o traslado dos restos de Rosalía ao Panteón de Galegos Ilustres. Abriuse o cadaleito ?ante notario? e é nese intre cando as súas fillas recollen guechos do cabelo, así como anacos da mortalla e pétalos do ramo mortuorio da finada.

Tamén foi nese traslado cando se utilizou a bandeira galega, un feito de profunda carga simbólica que dá pé a que o museo enlace pasado, presente e futuro cunha montaxe audiovisual na que alumnos do CEIP Rosalía de Castro de Padrón amosan as súas persoais reinterpretacións da bandeira.

Este é outro dos elementos do novo século que se utiliza no discurso do museo como xeito eficaz de comunicar a figura de Rosalía, e que acae especialmente ben a alguén que ofrece tantas arestas e lecturas. Ademais da montaxe que entronca a Rosalía coas xeracións de futuros lectores, outra instalación audiovisual deleita tamén aos oídos con anacos de versións musicais dos seus poemas, e que chegaron a todo tipo de xéneros, dende a canción galega e de autor, ata a clásica ou os ritmos tropicais.

Todo este novo percorrido é posible grazas ás obras de reforma, que executaron un proxecto dos arquitectos Luís Gil e Cristina Nieto, axeitando o espazo ás necesidades do discurso, unha viaxe da casa ao museo e volta. Igual que o vizoso xardín, no que entre o seu esplendor é posible adiviñar o seu orgulloso pasado labrego.