O cantante Anxo Vigo ultima o seu novo disco, «A ledicia de ser galego»

Borja Casal / H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

CESAR QUIAN

Contará con dez cortes, cuxa gravación está rematando en Madrid, aínda que por proximidade tamén traballa cun estudio da Coruña

24 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois dunha carreira musical integramente en castelán, o cantante Anxo Vigo prepara a saída do seu primeiro disco en galego para finais de ano. Levará como título A ledicia de ser galego e incluirá o tema Paxariños de Galicia, canción coa que lanza o proxecto. Contará con dez cortes, cuxa gravación está rematando en Madrid, aínda que por proximidade tamén traballa cun estudio da Coruña.

Con A ledicia de ser galego fai algo que sempre quixo facer, xa que considera que «Galicia merece ter discos que conten vivencias e falen da cultura da terra no idioma da terra». Reivindica a música en galego que se distancia do puramente tradicional, e por iso propón un álbum con temas propios que xiran ao redor da súa vida. Para Anxo, as cancións son un reflexo del mesmo.

É moi consciente dos tempos que atravesa o mundo da música, polo que se sinte moi privilexiado por poder contar cun grupo -Amencer- que colabore co seu proxecto persoal. Unha banda que ademais de intervir nas gravacións, servirá de acompañamento nas presentacións en vivo.

Fala dos anos nos que, segundo anota, aínda se compraban discos. Unha época na que, recorda, superou as 30.000 copias vendidas e que nada ten que ver coa actual, dominada por plataformas dixitais como iTunes ou Spotify. Novos modelos de negocio nos que Anxo tamén pensa de cara á distribución de A ledicia de ser galego. Por outro lado, di de si mesmo que ten «unha visión aberta e moderna» coa que chegar a todo o mundo. Ademais do seu traballo nunha multinacional, Anxo foi árbitro de fútbol ata os 38 anos, pero tivo que deixalo por un problema no menisco. Xa daquela facía por sacar tempo para tocar, algo imprescindible para el. «Non marcho á cama sen tocar», insiste, co que demostra a paixón que sente o artista coruñés pola música. Conta que a primeira guitarra que recibiu, cando tiña 12 anos, foi un regalo da súa nai; e que despois de cumprir os 13 ela morreu. Dende o seu falecemento, Anxo non deixou de tocar e cantar, polo que aínda hoxe pensa que, dalgunha forma, a súa nai fíxoo artista.