Os obxectos que suman o ronsel dunha vida que segue a inspirar

La Voz

CULTURA

Iniciouse un período de reflexión que se centrou na escolla das pezas

25 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Rosalía fala por boca da súa poesía. Pero tamén hai obxectos que semellan traernos no tempo a súa voz. Algúns son moi persoais, outros son circunstanciais, ademais dos que pertenceron á súa época. Pero o seu conxunto, a través da orde coherente da museografía, permite reconstruír e apreciar mellor a senlleira traxectoria da escritora. Porque aínda que a obra de Rosalía fascina mesmo no seu primeiro encontro, coa súa beleza, intensidade e apelación, non é menos certo que a información contribúe a un gozo e coñecemento especialmente importante no caso de alguén cuxa obra ofrece mil e unha relecturas.

Son precisamente as novas lecturas da súa obra e a súa vida a que demandaban unha posta ao día da exposición destes obxectos. O director do plan museolóxico e museográfico da casa e o proxecto aprobado polo Padroado apostaban por superar un modelo de simulación do ámbito doméstico, que tanto ten influído en espazos deste tipo, para acadar outro xeito de comunicación. Para iso, nada mellor que o principal activo co que contaban, a casa, para que fose ela mesma a que introducise no seu novo relato aos visitantes.

Para acadar este obxectivo iniciouse un período de reflexión que se centrou na escolla das pezas, a análise da colección propia e que outros obxectos merecía incorporar, co gallo de levar a cabo as xestións necesarias. Mobles e outras pertenzas, libros e manuscritos, fotografías e cadros organizáronse de xeito que se propuxese unha nova ollada a Rosalía e o seu mundo.

Diferentes interpretacións

Aí están os retratos que dan fe das etapas da súa vida, enmarcada na imaxe da súa nai e o bosquexo que dela fai o fillo, Ovidio, no leito de morte. Entre ambos estremos está contida unha existencia que se someteu -e somete- a diferentes interpretacións. A través dos seus escritos e rastros persoais un pode achegarse a esa figura que tanta pegada deixou, como testemuñan as mostras de agarimo chegadas da emigración, a quen Rosalía cantou con tanta elocuencia. Neste sentido, a nova proposta de musealización non se centra só na escritora, senón que abre máis protagonismo ás demais persoas que compartían a casa con ela, dende Murguía ás fillas e o fillo pintor, Ovidio, de quen se incorporan varias obras, entre elas a que posiblemente sexa a de maior tamaño, Árbore do monte, pintada en 1899 e restaurada no Museo de Belas Artes da Coruña.

E, igualmente, tampouco se detén neste ámbito doméstico, xa que achega cumprida información da Galicia do tempo no que viviu Rosalía, algunha de gran impacto visual, como a vista de Santiago por Ramón Gil Rey no ano de nacemento da escritora, 1837. Tamén é significativa a inclusión de referencias ao que significou Rosalía para os devanditos emigrantes, ademais de para as xeracións que recolleron o facho do galeguismo iniciado no Rexurdimento, e as mulleres e o feminismo, que viron nela un exemplo inesgotable.

Un novo discurso con tecnoloxías do século XXI nun espazo reformado

Os obxectos falan. Convén ver neles non un fetichismo, senón a vía directa que transporta ao tempo e a persoa no que tiñan outro sentido: agora son pezas de museo, pero non por iso son fósiles ou reliquias. O novo discurso da Casa-Museo de Rosalía consegue iso mesmo, xuntar o respecto coa información sen caer na devoción baleira. O caso máis paradigmático é o guecho do cabelo da escritora. Está tratado como o que é, o testemuño dunhas prácticas e dunhas crenzas que din tanto da admiración que espertaba a autora como o ánimo dos contemporáneos que se achegaban á súa figura. O guecho foi tomado durante o traslado dos restos de Rosalía ao Panteón de Galegos Ilustres. Abriuse o cadaleito ?ante notario? e é nese intre cando as súas fillas recollen guechos do cabelo, así como anacos da mortalla e pétalos do ramo mortuorio da finada.

Tamén foi nese traslado cando se utilizou a bandeira galega, un feito de profunda carga simbólica que dá pé a que o museo enlace pasado, presente e futuro cunha montaxe audiovisual na que alumnos do CEIP Rosalía de Castro de Padrón amosan as súas persoais reinterpretacións da bandeira.

Este é outro dos elementos do novo século que se utiliza no discurso do museo como xeito eficaz de comunicar a figura de Rosalía, e que acae especialmente ben a alguén que ofrece tantas arestas e lecturas. Ademais da montaxe que entronca a Rosalía coas xeracións de futuros lectores, outra instalación audiovisual deleita tamén aos oídos con anacos de versións musicais dos seus poemas, e que chegaron a todo tipo de xéneros, dende a canción galega e de autor, ata a clásica ou os ritmos tropicais.

Todo este novo percorrido é posible grazas ás obras de reforma, que executaron un proxecto dos arquitectos Luís Gil e Cristina Nieto, axeitando o espazo ás necesidades do discurso, unha viaxe da casa ao museo e volta. Igual que o vizoso xardín, no que entre o seu esplendor é posible adiviñar o seu orgulloso pasado labrego.