O director artístico da orquestra Panorama cree que o éxito da súa formación musical débese á variedade no repertorio e o contacto co público
21 jul 2017 . Actualizado a las 17:49 h.Non é doado localizar a Lito en plena temporada de festas. Moita estrada, moita noite, pouco día... Ao final citámonos no entorno do palco dunha das festas que enchen grazas á presenza dunha das orquestras lendarias no país das cen mil orquestras: a Panorama. Lito Garrido (Sanxenxo, 1967) e o líder da formación é toda unha institución na cultura festeira do país. Frecuentemente interrompidos por membros da comisión, fans e coñecidos, mantemos unha conversa cunhas cervexas na barra do bar da festa.
-Leva neste mundo dende...
-Aos 12 anos comecei a tocar o saxo e dende entón non parei. Na Panorama estou dende 1993. Así que en novembro xa haberá 24 anos.
-Que xa son anos vivindo nese mundo tan peculiar...
-En Galicia, o mundo das orquestras forma parte da tradición popular. É raro que nalgún momento da súa vida calquera galego non teña algo que ver con algunha orquestra o cunha comisión de festas. As orquestras están moi preto da xente, forman parte da nosa cultura.
-Eu lembro os noventa. Ninguén bailaba nas verbenas.
-É verdade. Nos noventa as festas estaban morrendo. Non había cambio nas comisións. A partir do 95 é cando comezan a darlles unha volta para que viñera máis a xuventude.
-Así que vostede tocou para os pais e para os fillos, que agora xa comezan a ser pais.
-Si, ha, ha. Nunha carreira como a miña tes a posibilidade de tocar para tres xeracións.
-Cal é a clave do éxito da Panorama?
-O repertorio é básico. A variedade é o segredo. E o contacto co público, facelo participar.
-E a incorporación dos temas latinos, supoño.
-Hai moito auxe do latino, si. Dende hai catro ou cinco anos, todo é latino.
-Gústalle o reguetón?
-A min cánsame moito o reguetón. É moi igual todo. Ata é difícil distinguir un tema doutro. Pero eu penso que ten data de caducidade. É unha moda que vai pasar pronto. Eu diría que non houbo unha época na que a música se parecera tanto, pero tamén penso que o reguetón é un ritmo ao que se adapta a xente nova e a xente maior.
-Pois imaxine que ten que bailar un reguetón cunha destas parellas: Inés Arrimadas, Mireia Belmonte, Cristina Pedroche ou Marta Sánchez. A quen elixe?
-Para bailar un reguetón, a Cristina Pedroche.
-Que é o que menos lle gusta do seu traballo?
-Pois a falla dunha vida normal. No verán disfrutas moi pouco da familia. Pero está moi ben traballar no que che gusta, disfrutar do que fas.
-En inverno que fai, descansa?
-Tal como temos enfocada a actividade da orquestra, practicamente non hai descanso. Entre os cambios de repertorio, os ensaios, os musicais para nenos... traballas o ano enteiro.
-Como se prepara para todo o que fai no escenario?
-A verdade é que son case dúas horas nas que non paras. Eu o único que fago é manter algo de dieta porque en canto me paso de peso, nótoo. Tamén xogo algo ao fútbol, aínda que agora xa non me dou tanta caña como antes.
-Qué canción lle gusta interpretar?
-Non sei, porque cambiamos moito o repertorio. Unha que non cambiamos é o Vals de las mariposas. Cántana os mozos e os maiores.
-Unha que non lle guste cantar.
-Dolores se llama la Lola, de Los Suaves. Pídena moito, pero se podo lla empaqueto a outro.
-Canta no coche?
-No coche nunca poño música.
-Que lle gusta facer fóra da música?
-Gústame moito o fútbol e o cine. Ir de viños cos amigos faime desconectar.
-Cal é o seu equipo?
-Eu son do Barcelona, pero tamén moi galego. Por proximidade, un pouco máis do Celta, pero se xogan os dous e o Dépor está xogando algo e o Celta non, prefiro que gañe o Dépor.
-Sabería facer unha tortilla de patacas?
-Si. A cociña non é o meu, pero a tortilla dáseme ben.
-Que se pon para durmir?
-Unha camiseta. Non soporto o pantalón do pixama.
-Cantas veces se namorou?
-Uf. Poucas. Unha vez que casaches é difícil que volvas namorarte.
-De que se arrepinte?
-De non ter estudado máis. Non debín ter empezado tan cedo. Gustaríame ter sido xornalista deportivo.
-Que foi a derradeira cousa que mercou?
-Hummm. Non lembro. Ah, si! Unha cámara Gopro que aínda non usei.
-Unha canción.
-Santa Lucía, de Miguel Ríos.
-O máis importante na vida é...
-Sentirse ben cun mesmo.