A Real Academia Galega renderá unha homenaxe musical e poética a Luz Pozo Garza aos seus 95 anos

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

PEPA LOSADA

O acto celebrarase na sede coruñesa da institución ás 19.00 horas 

17 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) cumpre 95 anos este venres. Con este motivo, a Real Academia Galega, á que pertence a autora, ofreceralle unha homenaxe musical e poética para festexar o aniversario dunha «das voces máis excelsas, orixinais e vibrantes» das letras galegas contemporáneas, en palabras de Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, segundo informou a entidade.

O acto celebrarase na sede coruñesa da institución, na rúa Tabernas, e comezará ás 19.00 horas con entrada libre. Na velada escoitaranse os versos de Luz Pozo na voz de dez poetas de distintas xeracións. Estes escritores serán a académica Marilar Aleixandre, os académicos Xosé Luís Franco Grande, Salvador García Bodaño e Manuel Rivas, xunto con Xosé María Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño, Olga Novo, Pilar Pallarés, Olga Patiño e Eva Veiga. Os dez recitarán e comentarán versos de distintas obras da longa traxectoria de Luz Pozo: non en van leva oito décadas creando poesía.

Ademais, as obras escolmadas para a ocasión celebratoria tamén formarán parte dun opúsculo coordinado pola académica correspondente Olivia Rodríguez, quen tamén exercerá como condutora literaria da celebración. Nas páxinas da publicación ocúpanse da poesía de Luz Pozo Claudio Rodríguez Fer e o académico Xesús Alonso Montero, encargados ademais de presentar e pechar o acto deste venres.

En canto á parte musical da conmemoración, esta correrá a cargo da soprano Patricia Rodríguez Rizo e do Cuarteto Cimarrón, que interpretarán Tres cancións para Rosalía, unha adaptación musical de tres poemas da homenaxeada, a cargo do compositor Gabriel Bussi.

Luz Pozo incorporouse á RAG como membro correspondente en 1950 e dende 1996 é académica de número. Na súa traxectoria destacan obras como Códice Calixtino, e foi recollida íntegra no volume Memoria solar.