Beber nas fontes da vida e dos soños

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Oscar Vazquez

«Un mundo de palabras» reúne textos de Agustín Fernández Paz sobre a lectura e a literatura

03 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Álvaro Cunqueiro afirmaba que as persoas necesitaban dos soños tanto coma da auga. É un dos autores que conmoveron a un neno Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947-Vigo, 2016) coa dobre revelación dunha gozosa literatura en galego, unha epifanía que habería de marcalo de por vida. Esa visión da lectura, tamén dobre, como pracer e como vehículo transmisor de coñecemento, impregna as páxinas de Un mundo de palabras (Xerais), no que o autor e docente reflexiona con sinxela lucidez sobre o amor polos libros. A edición de Isabel Soto reúne textos variados de diferentes procedencias e enfoques, uns máis persoais e evocativos, outros máis prácticos e didácticos, pero todos co fío común de remarcar a transcendencia do acto de ler.

Consciente de que o desgaste dos lemas a prol da lectura podían desembocar na contradición de acadar precisamente o efecto contrario, Fernández Paz apelaba á sinxeleza da imaxe cunqueiriá: acudir aos libros coa naturalidade de quen se achega a unha fonte: «Só hai que abrir un libro que conteña un texto poderoso e ler en alta voz. Non se precisa máis nada, todo é tan sinxelo como beber auga». É unha idea que se repite ao longo do libro, unha apelación implícita ao imprescindible que resulta a lectura para alimentar os soños e a vida.

Porén, que Fernández Paz espise o acto de ler de liturxias e disfraces innecesarios non significa que non fose consciente dos atrancos que se atopan tantas veces os libros, dos problemas dos rapaces de familias pobres, da deserción dos lectores infantís na idade adulta, da perda de falantes do galego e da asimétrica situación da súa literatura no seu propio contexto social. Neste sentido, Un mundo de palabras ofrece un arsenal de argumentos renovados, pero tamén valiosas achegas froito do labor docente de Fernández Paz e a súa participación nos movementos de renovación pedagóxica. O capítulo A maxia das palabras: o fomento da lectura na Educación Primaria atesoura un caudal de coñecementos prácticos cos que promover «a lectura literaria», como a denominaba o autor, nas clases. Un apartado que se complementa con Lectura e libros na Educación Secundaria e A lectura é cousa de todos, ou o máis específico que se centra na aproximación aos clásicos da literatura.

Os textos deste volume póstumo reflicten a inquedanza de Fernández Paz como escritor e mestre, pero, sobre todo, como lector, actividade sen a cal é imposible entender as anteriores. As pasaxes máis biográficas, como as que evoca a descuberta dos libros da man do pai ou o repaso polas librarías e bibliotecas nas que puido proverse desa auga vital que era a lectura engaden ao seu valor intrínseco a bonhomía e xenerosidade que caracterizaron en vida a Fernández Paz, culminando na emoción contida de A construción do lector, do 2013, onde fala xa dende a conciencia da enfermidade e a morte próxima.