A Xunta achega á Real Academia máis de medio millón de euros para a dinamización da lingua

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Frixanes e Rodríguez, onte, tras a sinatura do convenio.
Frixanes e Rodríguez, onte, tras a sinatura do convenio. CONCHI PAZ

Póranse en marcha accións culturais e traballos de investigación accións culturais dirixidas á dinamización da lingua propia, así como traballos de investigación nos eidos da gramática, a lexicografía, a onomástica, a sociolingüística, a terminoloxía e a edición científica

24 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xunta e Real Academia Galega (RAG) asinaron esta mañá en San Caetano un convenio polo que a primeira achega 520.000 euros para a financiación da posta en marcha de accións culturais dirixidas á dinamización da lingua propia, así como traballos de investigación -nos eidos da gramática, a lexicografía, a onomástica, a sociolingüística, a terminoloxía e a edición científica- e investimentos co mesmo obxectivo. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, e o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes puxeron a súa firma sobre o documento.

No transcurso da xuntanza, Rodríguez trasladoulle a Freixanes o seu interese en que a RAG participe na próxima elaboración do plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2017-2020. Un modelo de actuación pública que incidirá na atracción dos neofalantes e a promoción do uso do galego entre os máis novos, creando actitudes positivas cara á lingua en todos os eidos sociais.

Búscase así favorecer que os mozos utilicen o idioma de Rosalía nas súas relacións interpersoais e naqueles ámbitos nos que se desenvolve a súa vida cotiá, tales como as redes sociais, as novas tecnoloxías ou as actividades de emprendemento; procurando a implicación dos distintos sectores da sociedade para promover accións tendentes a un maior e mellor uso do galego.