María Victoria Moreno, un diálogo interxeracional para o Día das Letras

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O galego, a literatura e o ensino foron os tres compromisos de María Victoria Moreno.
O galego, a literatura e o ensino foron os tres compromisos de María Victoria Moreno. Arquivo familiar

A literatura para a mocidade centra a obra da autora, docente comprometida

21 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A escolla de María Victoria Moreno como figura homenaxeada co vindeiro Día das Letras é singular por varios motivos. Se ben os seus inmediatos predecesores Manuel María e Carlos Casares xa escribiran obras concibidas expresamente para un público mozo, con Moreno é a primeira vez que se elixe a unha autora na que a literatura infantil e xuvenil ocupa a cerna da súa produción.

Foi ademais un eido no que destacou tanto pola súa condición pioneira -nun ano tan temperán como 1972 obtivo o segundo premio de O Facho de contos infantís con Crarisa, ao que seguiu en 1973 Mar adiante, co significativo subtítulo de Historias de nenos para nenos- como pola súa excelencia: Leonardo e os fontaneiros gañou o Barco de Vapor, Guedellas de seda e liño entrou na lista White Ravens e Anagnórise, na de honra do IBBY. Este último título, coas súas sucesivas reedicións -e incluído na Biblioteca 120 de La Voz-, foi tamén a proba de que o éxito de Moreno era ademais de público.

Anagnórise sintetiza á súa vez a aposta da autora por unha escrita orientada a lectores adolescentes pero que non por isto rebaixase a súa calidade literaria e o seu grao de esixencia co público. Os protagonistas desta novela son un rapaz que abandona o fogar e a profesora que o recolle no coche cando o ve facendo autostop. «O importante é o permanente diálogo do adolescente coa señora madura», subliñaba a autora. Unha conversa interxeracional que viaxa alén das páxinas da novela para conectar, sen xerarquías artificiais e asfixiantes, os mundos da experiencia dos anos cos da ilusión da xuventude.

Ese concepto de transmisión de ida e volta foi central tamén nos outros dous grandes compromisos de María Victoria Moreno, ligados indisolublemente entre si e mais coa escrita: o galego e o ensino. Nacida na vila cacereña de Valencia de Alcántara en 1941, a escritora fixo súa a lingua galega -«unha historia de amor»- e xa nos anos da ditadura impartiu cursos de xeito clandestino que lle valeron a retirada do pasaporte. Docente vocacional ata a súa xubilación no 2002, só faltou ás aulas os días últimos nos que se sometía a quimioterapia polo cancro do que escribiu en Diario da luz e a sombra e que conduciría ao seu pasamento tres anos máis tarde. Eran clases nas que co mesmo rigor que coa escrita trataba de contaxiar a paixón pola literatura, no seu caso a castelá, que era a materia que impartía: «Amo libros como O Quixote e a moitos escritores, e ás veces conseguín que os amasen os meus alumnos».

O diálogo interxeracional volverá coller protagonismo no 2018 cunhas Letras Galegas nas que non é anecdótico o traballo no ensino, eido no que Moreno ofrece moitas posibilidades de implicación. Como tampouco se pode pasar por alto que a súa escolla sexa a da cuarta muller homenaxeada en máis de cincuenta anos, unha proporción cativa aínda e que reclamaba -reclama- unha maior presenza de autoras.

O compromiso co galego e «a causa dos pobres»

Xesús Rábade Paredes, escritor e profesor.
Xesús Rábade Paredes, escritor e profesor.

Hai profesores que á penas deixan pegada nos seus alumnos e hai outros que inflúen de xeito decisivo. María Victoria Moreno pertencía ao segundo grupo: era tal a paixón coa que vivía o ensino e a literatura que algúns dos que pasaron polas súas aulas acabaron convertidos tamén en escritores. É o caso de Xesús Rábade Paredes, autor de longa traxectoria e tamén vinculado á docencia na súa vida laboral.

Rábade Paredes coñeceu a Moreno no curso 64/65, en segundo de bacharelato. Ela tamén era nova, coa licenciatura en Filoloxía Románica en Madrid aínda recente. «Foi fundamental, aínda máis que outros mestres posteriores, como Alonso Montero ou Arcadio López-Casanova, que tamén influíron en min», lembra o escritor. Como parte dese labor Rábade Paredes cita o papel da profesora como «facilitadora de textos clave», e enumera, entre outros, o Romancero gitano, de Federico García Lorca, ou os poemarios de Miguel Hernández. Fundamentais polo seu valor literario e tamén polo que representaban, xa que estaban prohibidos pola censura franquista.

Rábade Paredes cre ademais que o labor de María Victoria Moreno hai que «inxerilo no seu contexto», tendo en conta que «foi unha persoa que moi rapidamente asumiu o galego», que axiña pasou non só a dominar, senón a espallar e impartir nos «numerosos cursos que deu para asociacións en toda Galicia». «Fixo moito labor», resume Xesús Rábade, quen tamén destaca a súa faceta como libreira no establecemento Xuntanza, aberto en Pontevedra en 1968.

No 2002 María Victoria Moreno recoñecía que de volver a ser nova se implicaría outra vez co galego, que naquel tempo cargaba cunha chea de estigmas, entre eles o de «lingua de pobres». «Pero eu cos pobres sempre estiven», declaraba. ¿Foi determinante na súa escolla? «Creo que por aí vai a historia», coincide Rábade: «Abrazaba a causa dos pobres en todas as situacións».

Andado o tempo, alumno e profesora volverían atoparse en 1985 noutro libro, o manual de literatura galega para COU, convocados por Xavier Senín. «É un libro que segue vixente, que xira arredor de dez grandes temas da literatura do século XX que non foran tratados», analiza Rábade un volume que circulou en fotocopias e que axudou a máis dun hoxe profesor nas oposicións.

Sen etiquetas

Malia a adscrición de Moreno á literatura xuvenil, Rábade prefire falar de «literatura sen etiquetas» para remarcar o «alto nivel de esixencia literaria, sen rebaixalo en ningún momento» dos seus libros, polo feito de estar concibidos para lectores novos.