O Bierzo lembra ao poeta Morales, pioneiro do uso do galego no XIX

Colectivos e estudosos queren integralo na historia oficial da literatura galega

$tituloImg.$pieImg

lugo / la voz 17/06/2017 05:00 h

Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-Cacabelos, 1896) non forma parte da historia máis canónica da literatura galega a pesar de que en 1861 publicou en León un dos primeiros libros feitos en galego, Os ensaios poéticos en dialecto berciano, dous anos antes de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

Desde hai un tempo colectivos e institucións do Bierzo, coa axuda de estudosos das universidades galegas, recuperaron a súa figura e obra. E neste 2017, no que cumpren douscentos anos do seu nacemento, vanse a programar diversos actos e actividades cos que pretenden poñer ao poeta Morales no mapa da literatura.

«O afán que nos move é incorporalo de pleno dereito como un dos autores da literatura galega e tamén como unha relevante achega literaria do galego que partiu do Bierzo», sinala Héctor Silveiro, académico correspondente da Real Academia Galega polo Bierzo. Este profesor -que está a traballar xunto coa Real Academia e o Instituto de Estudios Bercianos na organización dun simposio sobre Morales, a celebrar nos días 15, 16 e 17 de setembro- destaca que o poeta xa estaba a escribir en galego en 1847, tal e como testemuñan unhas cartas inéditas que se darán a coñecer neste seminario.

«Estas cartas demostran que Fernández Morales xa escribía en galego antes ou ao mesmo tempo que o facían os autores do prerexurdimento, como Pintos», sinala Silveiro. ¿Tivo entón relación Morales cos escritores de Galicia anteriores a Rosalía? «Sábese pouco deste posible episodio e aí temos unha lagoa, pero con cada descuberta imos coñecendo máis datos», relata o académico polo Bierzo.

O biógrafo do poeta, José Antonio Balboa, está a traballar nesa posible interacción. Morales criouse en Cacabelos, onde a inicios do XIX o galego estaba presente na lingua oral. Tras estudar no seminario de Astorga e no colexio militar de Valladolid foi destinado a Tui e á Coruña. «Entre a lingua oral da infancia e o contacto que tivo que ter en Galicia cos grupos provincialistas e con todo o proceso previo aos galeguistas, naceu o seu interese polo galego», relata Silveiro. Pero na súa vida hai unha persoa que o anima a dar o paso a escribir poesía en galego. Trátase do lingüista e frenólogo catalá Mariano Cubí, co que se cartea Morales en 1847 e a quen lle presenta os poemas. Cubí será o encargado de facer o limiar do poemario de 1861.

«Un poeta extraordinario»

Varios académicos e profesores galegos estudaron a obra de Morales, como Rosario Álvarez, Xosé Henrique Costas ou o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Este asegura que os versos do berciano teñen maior calidade que os dos seus contemporáneos Pintos ou Añón e valora da súa obra «o realismo, a riqueza léxica, a descrición de costumes». Desde un punto de vista etnográfico, cre que os seus poemas supoñen «un tesouro, na súa obra está a memoria do Bierzo, como eran as comidas, as festas, o entroido, a caza, as procesións, as danzas... É un poeta extraordinario e a recuperar». Incluso, o valora por enriba dun mito literario na comarca leonesa, Enrique Gil y Carrasco. «O que fixo Morales polo galego ten moito mérito», enxalza Angueira, ademais de apuntar que pola súa ortografía e a súa forma de escribir «tivo que ler ou manter contacto con autores de Galicia».

Libros, exposicións, conferencias e actividades cos nenos nos colexios

Os actos de conmemoración polo douscentos aniversario do nacemento do poeta berciano comezaron co actual curso escolar, xa que os case mil alumnos de Primaria e Secundaria, de doce colexios e catro institutos que integran o programa do galego no Bierzo, elaboraron traballos e promoveron exposicións sobre a vida e a obra de Morales.

Este venres presentarase o simposio que en setembro se celebrará en Ponferrada, Vilafranca e Cacabelos sobre Antonio Fernández Morales, e que promoven a Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Bercianos e a Comisión Cultural Martín Sarmiento. Nas ponencias participarán académicos e profesores e daranse a coñecer novos datos biográficos sobre a figura de Fernández Morales.

Este sábado, gran homenaxe

Por outra parte, este mesmo sábado haberá un gran encontro de homenaxe en Cacabelos, organizado polo grupo As Médulas para a Lingua e a Cultura Galegas do Bierzo. Ás once e media -diante da casa de Morales, na rúa Santa María, en pleno Camiño Francés- haberá lectura de poemas e discursos, no que participarán desde alumnos bercianos, ata o escritor e académico Xosé Luís Méndez Ferrín, finalizando este acto o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García. Precisamente este cargo do Goberno galego fixo o limiar dun libro sobre Morales que ás 12.30 horas se presentará no restaurante La Moncloa, e no que participarán Héctor Silveiro, Xosé Henrique Costas e Anxo Angueira. A obra foi publicada por Edicións Fervenza. A continuación, no mesmo sitio, inaugurarase a exposición Fernández Morales hoxe: creación e recreacións, na que se recollen dezaseis debuxos, fotografías, versos e músicas entorno aos poemas do escritor berciano a descubrir.

Cartas inéditas de 1847 no noso idioma

Esta é unha das alomenos doce cartas inéditas, datadas en 1847, na que Morales escribe os poemas en galego que lle envía ao lingüista catalá Mariano Cubí. Este concreto, o de «A’ Santísima Virxen d’Angustias», será o primeiro poema que formará parte en 1861 de «Os ensaios poéticos en dialecto berciano», aínda que nesta versión, ata o de agora descoñecida, hai palabras que despois Fernández Morales cambiou.

Votación
6 votos
Comentarios