Catro homes e unha muller aspiran ao vindeiro Día das Letras Galegas

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Na ringleira superiro, de esquerda a dereita, Plácido Castro, Eusebio Lorenzo Baleirón e Ricardo Carballo Calero; abaixo, Antón Fraguas e María Victoria Moreno.
Na ringleira superiro, de esquerda a dereita, Plácido Castro, Eusebio Lorenzo Baleirón e Ricardo Carballo Calero; abaixo, Antón Fraguas e María Victoria Moreno.

A Academia elixirá este sábado a figura á que se homenaxeará o 17 de maio do 2018

14 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro sábado o pleno da Real Academia Galega celebra a súa primeira reunión despois da celebración, o pasado 17 de maio, do Día das Letras, un encontro no que tradicionalmente a institución elixe a figura que se homenaxeará ao ano seguinte. Onte a RAG fixo públicas as cinco candidaturas que optan á distinción: Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910-Santiago, 1990), Plácido Castro (Corcubión, 1902-Cambados, 1967), Antón Fraguas (Cotobade, 1905-Santiago, 1999), Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro, 1962-1986) e María Victoria Moreno (Cáceres, 1941-Pontevedra, 2005).

Os catro autores e a escritora reúnen as dúas características principais esixidas para o Día das Letras Galegas: a figura debe ser «autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe», segundo indica o regulamento da Academia; nos cinco casos xa transcorreron tamén polo menos dez anos dende o seu pasamento.

Carballo Calero, Plácido Castro e Antón Fraguas comparten a pertenza a unha xeración que se comprometeu co galeguismo dende a escrita e a política nos anos anteriores á Guerra Civil. Carballo Calero xa foi proposto en varias ocasións para o 17 de maio e conta cunha sólida base de apoios, pero a súa candidatura nunca conseguiu impoñerse na votación final, circunstancia que moitos interpretan á luz do posicionamento do autor nas teses reintegracionistas. A súa obra abrangue poesía, narrativa e ensaio, á que se suma un influínte e estimulante labor docente.

Na posguerra Carballo Calero pasou varios anos na cadea, mentres que Plácido Castro foi inhabilitado e desterrado. Por vinculacións familiares viviu tempo no Reino Unido, onde se familiarizou coa cultura en lingua inglesa. Foi colaborador da BBC e publicou traducións e estudos de autores como Yeats ou Burns, ademais das célebres Rubáiyát de Khayyham. Está considerado un dos pioneiros da tradución.

Igualmente, Fraguas sufriu a depuración e represión no seu labor como profesor durante os anos do primeiro franquismo. A súa faceta principal é a ensaística, vinculada especialmente ao eido da antropoloxía, que desenvolveu tamén dende institucións museísticas.

Coa candidatura de Eusebio Lorenzo Baleirón dáse un salto cronolóxico ata a xeración poética dos anos oitenta. Deuse a coñecer en 1985 cos libros Os días olvidados e O corpo e as sombras, ao que seguiría, postumamente, A morte presentida, e outros títulos.

María Victoria Moreno tamén empezou a publicar nos anos setenta e oitenta. Docente ata a súa xubilación no 2002, destacou na literatura infantil e xuvenil, en especial coa novela Anagnórise. En Diario da luz e a sombra relatou a súa experiencia como paciente dun cancro. Aínda que o feito de que Moreno sexa a única muller candidata pode tomarse como un reflexo da escasa presenza feminina no 17 de maio, esta circunstancia pode xogar ao seu favor, ao concentrar na súa figura os votos en sintonía coas voces que reclaman que se lle dediquen máis Días das Letras ás escritoras.