Como Nabia se transformou en Mariña

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

O antropólogo Rafael Quintía publica o seu ensaio premiado co Ramón Piñeiro sobre o proceso no que o cristianismo converteu unha deidade pagá galega en santa

13 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mariña é unha santa que goza de arraigo en Galicia: son 108 as parroquias que están baixo a súa advocación, ás que se engaden ermidas e santuarios. Unha gran maioría destes enclaves están situados nas proximidades de fontes curativas ou de cumios, mentres que á santa se lle atribúen facultades protectoras -dos nenos, dos campos, do gando- e asociadas á fertilidade. Estes trazos, unidos á amplitude da presenza de Mariña, sitúanse na base dunha hipótese que defende que a santa é o resultado dun proceso de cristianización dunha deidade anterior, pagá, e cuxas características, símbolos e rituais, foron apropiados pola nova relixión. Dentro desta corrente de pensamento, era posible concretar aínda máis e identificar esa deusa que se transformou en santa: Mariña foi antes Nabia.

Ao exame desta hipótese dedicou o antropólogo Rafael Quintía Pereira (Vigo, 1971) o seu estudo Mariña: de deusa a santa (Galaxia), premiado o ano pasado co Ramón Piñeiro de ensaio. O autor conclúe que, a falta dunha certeza irrefutable -como o achado dun santuario dedicado a Nabia ou unha ara na súa honra nas proximidades dun lugar vinculado a Mariña-, a análise e relación de ambas permite argumentar razoablemente que tras a santa se agocha a deusa.

Para Quintía, reforzan esta teoría o espallamento e antigüidade do culto a Mariña en toda Galicia, que moitas das súas capelas se sitúan en lugares de posible culto precristián, que a advocación de santa Mariña está relacionada cos cumios, as augas e os castros, e que Nabia garda grandes similitudes simbólicas coa súa figura. «Non coñecemos todas as deidades ás que se lles rendía culto en Galicia antes da cristianización, pero das que coñecemos, Nabia, vinculada á auga, é a que máis se asemella a Mariña», explica o antropólogo. Quintía expón que en Irlanda se deu un proceso moi parecido, o que transformou a Brigit -unha deidade que podería tomarse por equivalente a Nabia- en santa Bríxida. No caso galego, Quintía explica que a implantación de Mariña en Galicia adaptou a súa historia á xeografía local, ademais de transferirlle elementos biográficos doutra santa, neste caso, Margarida.

No libro, o antropólogo cita unha carta do papa Gregorio Magno, quen no século VI ordenaba: «Que se derruben o menor número posible de templos pagáns, que se poñan neles reliquias para que se cambie o seu obxectivo». 

Un santoral «policlínico»

Este proceso de cristianización foi longo e non exento de atrancos, como exemplifica o De correctione rusticorum co que san Martiño de Dumio trataba de erradicar os costumes pagáns dos fregueses galegos. O problema, para Dumio e para aqueles evanxelizadores, era que precisamente necesitaban deses rituais para que a nova relixión arraigase. «Unha relixión ten que dar sentido ao mundo e á vida, pero tamén ten unha función práctica, aplicable ao día a día», argumenta Quintía. «Nese sentido, o cristianismo non estaba deseñado para unha cultura agrogandeira e tivo que adaptarse, aproveitando rituais e poderes das deidades, transformadas en santos, moi vinculados ao ciclo agrícola e con poderes para todo tipo de situacións: os galegos temos un santoral policlínico», engade.

Malia os esforzos do Dumiense, que tratou de convencer aos galegos de que nin as plantas nin as augas falaban -logo habería de contestarlle Rosalía-, o certo é que a vixencia da cultura rural ata hai pouco mantivo eses rituais nos lugares sagrados que pasaron de pagáns a cristiáns: «Dicía Martiño de Dumio que non lle botasen faragullas ás fontes, e vas a San Andrés de Teixido e alí están, e as candeas nos cruzamentos, as cruces sobre as pedras...».

Un culto co seu epicentro no santuario de Augas Santas en Allariz

Malia o moi espallado que está o culto a Mariña en Galicia, hai un sitio que representa o epicentro da devoción que se lle profesa: a igrexa de Augas Santas, en Allariz. Aínda que existen diferentes versións da lenda da santa, nas que se lle atribúen diferentes orixes, unha das máis antigas e estendidas sitúa o seu nacemento moi preto -na mítica vila de Antioquía, somerxida hoxe baixo a lagoa de Antela, segundo a lenda- e o seu martirio e morte no lugar onde se ergue o santuario.

Para Quintía, o emprazamento reúne moitas das características que conflúen no proceso de cristianización para transformar a Nabia en Mariña. «Creouse toda unha xeografía mítica baseada na propia tradición», relata o antropólogo, quen lembra que no lugar había tamén un castro, o de Armea. «A sauna castrexa transformouse no forno onde botaron a Mariña no seu Martirio, o penedo onde se dicía que se sentaba a moura era o lugar onde se sentaba ela, con elementos case idénticos. Houbo un todo un proceso de reinterpretación e readaptación», di Quintía, quen enmarca estes procesos reconstrutivos no continuo refacer da cultura, que xa expuxo Lévi-Strauss na súa teoría do bricolage.

Menos coñecido, pero estudado recentemente, é o lugar da Pena Furada, en Coirós, un rochedo no alto dun cumio dende o que se divisa un val atravesado polo río Mendo. Alí atópase unha figura feminina gravada na roca, co sexo esaxeradamente debuxado, posible símbolo de fertilidade. A parroquia chámase Santa Mariña de Lesa.