A Academia elixe este sábado a figura á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas do 2018

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

MARCOS MÍGUEZ

Cinco candidaturas optan ao vindeiro 17 de maio: Ricardo Carballo Calero, Plácido Castro, Antón Fraguas, Eusebio Lorenzo Baleirón e María Victoria Moreno

13 jun 2017 . Actualizado a las 16:54 h.

A Real Academia Galega celebrará este sábado día 17 unha sesión ordinaria cun importante cometido: elixir ao escritor ou escritora a quen se lle dedicará o Día das Letras do vindeiro ano. Son cinco as candidaturas que optan a esta honra e que cumplen cos dous principais requisitos necesarios: que xa transcorreran dez anos dende a súa morte e que teñan «unha obra relevante en galego» e sexan "unha persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe".

As candidaturas son as de Ricardo Carballo Calero, Plácido Castro, Antón Fraguas, Eusebio Lorenzo Baleirón e María Victoria Moreno.

Carballo Calero, escritor e docente, autor dunha longa obra poética, narrativa e ensaística, xa foi proposto en varias ocasións para o Día das Letras, mais a súa candidatura nunca se impuxo na votación final. Plácido Castro, como Carballo Calero, foi unha figura destacada do galeguismo antes da guerra; no literario, fixo unha importante e pioneira contribución á tradución doutras linguas para o galego. Con eles tamén comparte Antón Fraguas o compromiso galeguista no primeiro tercio do século XX; a súa obra oriéntase principalmente ao ensaio e a antropoloxía. Con Eusebio Lorenzo Baleirón as candidaturas dan un salto cronolóxico no tempo e avanzan ata a Galicia dos anos oitenta do século pasado, tempo no que o escritor publicou varios poemarios antes da súa prematura morte en 1986 aos 24 anos. Aínda que María Victoria Moreno xa editara algúns títulos, foi tamén nos oitenta cando empezou a aparecer con frecuencia a súa obra nas librerías galegas; tivo unha contribución destacada á literatura infantil e xuvenil en galego. Faleceu no 2005 a causa dun cancro, enfermidade da que relatou a súa experiencia no libro Diario da luz e da sombra.

Ao remate do pleno, o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, informará de quen é a figura elixida polo plenario. Neste 2017 o escritor homenaxeado é Carlos Casares.