Paco López-Barxas: «O crítico ten que apreciar o que os demais non ven»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

O xornalista e escritor recolle en «Confieso que he leído» máis de cen comentarios literarios que fixo entre os anos 1979 e 2014

10 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O xornalista, escritor e crítico Paco López-Barxas recolle no libro Confieso que he leído (Hércules de Ediciones) 101 comentarios sobre literatura galega, española e universal que publicou entre os anos 1979 e 2014, moitos deles en La Voz de Galicia.

-¿Como xurdiu a idea de reunir as críticas literarias? ¿Cal é o obxectivo?

-Trátase de recoller o meu labor como crítico literario durante 35 anos. Relendo cousas, me dixen: «Isto segue tendo actualidade». Entón, púxenme a facer unha selección e elixín 101 autores. O que máis me interesa non é a crítica académica. Creo que a crítica literaria non debe limitarse a emitir unha opinión de análise de recursos técnicos e literarios, senón que ten que ofrecer ao lector información suficiente para provocar a lectura dun libro.

-No prólogo do libro, César Antonio Molina afirma que vostede é un gran lector nun mundo desgraciadamente cada vez máis escaso de lectores. ¿Cobra neste marco maior importancia a crítica?

-Si, pero hai que facela no mundo das tecnoloxías, no mundo de Google e Internet.

-Nese mundo no que todos podemos opinar, ¿que se lle esixe a maiores a un crítico literario para poder distinguirse?

-O mesmo que se lle esixe a un crítico de cine ou de arte: apreciar o que os demais non ven, incluso máis que os propios autores. Iso é o que lle hai que esixir a un crítico, fronte a un simple lector que o que pretende é disfrutar o proceso da lectura.

-¿Cal é o momento que vive a literatura actual?

-Agora hai unha gran literatura, como a houbo ao longo destes 35 anos, pero os autores aparecen e desaparecen. Por exemplo, a literatura galega ten un gran nivel de mulleres, cousa que entón, cando eu fixen esas críticas, non había unha gran literatura de muller. Agora si que hai grandes escritoras galegas. Hoxe hai unha verdadeira explosión narrativa e poética da literatura galega.

-¿Que debe ter un libro para conquistar a un crítico?

-Que emocione, que conte algo, que non só estea ben escrito.