Outro libro dos amigos

CULTURA

08 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos libros máis sorprendentes e orixinais de Otero Pedrayo é o seu O libro dos amigos, libro valente atendidos os tempos en que foi escrito e, maiormente, a valoración que fai de amigos mortos, fusilados ou represaliados. Faltábanos este outro de Arcadio López-Casanova, titulado A palabra compartida, que edita Espiral Maior.

Na súa precisa e concisa Presentación limiar o autor sintetiza con exactitude o contido deste libro, «concibido baixo un triplo signo: admirativo de homenaxe a figuras emblemáticas e guieiras da galeguidade... elexíaco, laio pola perda de mestres e amigos queridos,., e signo cordial de achega á palabra dos poetas nosos que foron -que son- compaña de lectura vivificadora».

Aínda hai pouco que Arcadio López-Casanova nos deu a alegría dunha «lectura vivificadora» co seu libro As voces da máscara, un dos máis importantes da lírica galega moderna, e chega agora este outro no que loce a súa coñecida forza poética, a súa sabedoría técnica -el é profesor da materia, á que tantas páxinas ten consagrado-, a elegancia do seu estilo, a finura dos trazos cos que nos suxire e presenta a calquera dos autores concernidos, a sutileza das súas expresións sempre afastadas da locución vulgar ou común... un poeta para quen a palabra, sendo as usuais, sabe estrullalas para convertelas en creación en poiese, na mellor acepción grega.

Subliñaría tamén que cada verso seu está cheo de contido, que por si mesmos xa nos enchen e se incorporan á nosa sensibilidade, como sempre ocorre coa poesía clásica (Exegi monumentum aere perennius -Horacio-, «O Meliboe deus nobis haec otia fecit» ?Virxilio-): «Lugo acendido de sombras», «pedra que en soidade arde», «diante dun mar de luz soña cativo»... O que cómpre é ler o libro. É un gozo dos que xa pouco quedan, porque o que se publica, en xeral, nada ten que ver coa poiese, coa creación. Lédeo e veredes o que é unha lectura vivificadora. So a poesía verdadeira nola pode dar.