Misha Bies Golas: «Tendo a sintetizar. Se podes contar con dous elementos, ¿para que usar catro?»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

VÍTOR MEJUTO

O creador lalinense inaugura hoxe «Recordo» en Didac (Santiago), onde a mostra pode visitarse ata o 4 de agosto

26 may 2017 . Actualizado a las 18:25 h.

Traballar as ideas de pintura e monocromo con materiais atopados. Ese é o obxectivo do artista Misha Bies Golas (Lalín, 1977) na súa mostra Recordo, que hoxe, ás 20 horas, se inaugura no espazo expositivo Didac, en Santiago, e que vén de exhibirse en Lisboa. Con ela, Didac inicia as mostras individuais despois da colectiva inaugural. Recordo poderá visitarse ata o 4 agosto. 

-¿Como se afronta un proxecto expositivo en dúas partes?

-A iniciativa parte de Didac. A idea era, unha vez rematada a mostra en Lisboa, traer esas pezas e xogar coa idea de ampliar ou de inxerir outras novas no conxunto ou, incluso, excluír algunhas das que estaban alí. É unha exposición que podería continuar, porque as propias pezas están abertas a mudar, en canto a disposición, a ampliarse...; tamén habería a posibilidade de que algunha se disolvese. Trátase de materiais atopados. Son pezas no momento que están expostas, pero ata que non están expostas e dispostas poderían non ser unha obra, do mesmo xeito que, unha vez que se remata a exposición, podería volver ao seu estado anterior e ser un material para reciclar.

-A súa obra caracterízase pola sinxeleza, con escaso uso de medios. ¿Por que esta aposta?

-Tendo a sintetizar. A idea é que se algo se pode contar con dous elementos, ¿para que vas a utilizar catro? Os meus últimos traballos si tenden a iso, pero teño moitos referentes, de moitas épocas e tendencias. A idea é ir xogando con estes referentes e xeitos de facer e servirme deles. Tamén houbo momentos nos que o meu traballo era máis barroco.

-Na mostra utiliza pranchas de imprenta, tallos, libros... ¿Que lle ten que aportar un obxecto para convertelo en obra de arte? ¿Pon algún límite?

-Non hai límites. Traballo acumulando cousas no meu taller, cousas que atopo ou que pido, porque vexo que poden ter un potencial. Co tempo, a base de darlle voltas e de reparar en diferentes lecturas destes obxectos, utilízoos. Nesta mostra a idea é que se entenda como pintura pola disposición das pezas e, despois, que eses elementos teñan por detrás esa memoria, ese poso propio do obxecto: xogos, chascarrillos ou xestos.

-Fala de «chascarrillos». Unha das características das súas creacións é que tamén lles aporta unha dose de humor. A arte, moitas veces, lígase máis á seriedade.

-O humor, para min, é unha cousa moi seria, algo que hai que tratar con moito coidado. Non pode ser un humor bochornoso. Considero imprescindible o humor para facer a vida máis levadeira. Ademais, teño referentes que son tanto humoristas como artistas que traballan co humor ou coa idea do absurdo. Dous humoristas que me marcaron moito á hora de expresar foron Faemino e Cansado. Pero tamén hai xente que fai traballo que non ten pizca de humor e que tamén me gusta.

-A súa traxectoria consolidouse nos últimos dez anos, un momento de plena crise.

-Si, á nosa xeración pillounos a crise. Houbo un tempo no que había máis institucións e fundacións que apoiaban adquirindo obras. Pillounos, pero non é un problema maior, estamos sobrevivindo.