Galicia lembra ao Casares conciliador, cosmopolita e comprometido co país

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

SANTI M. AMIL / RUTH NÓVOA / CARMELA QUEIJEIRO / MIGUEL VILLAR

Xinzo acolleu a reunión da Real Academia Galega e o acto central das Letras Galegas

18 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002) desenvolveu unha «personalidade poliédrica» que destacou en moitas facetas: escritor, articulista, xestor cultural, editor, divulgador da realidade e a creación galega en foros internacionais e tradutor, entre outros aspectos. Nesa visión complexa dunha figura que foi protagonista de excepción en Galicia durante a segunda metade do século XX incidiuse onte no acto central do Día das Letras Galegas, cita que se desenvolveu en Xinzo e na que estivo presente, como non podía ser doutro xeito, o imaxinario casariano formado arredor das súas vivencias de rapaz e mozo en Lamas, Sabucedo e Xinzo -na comarca da Limia- e Beiro -Ourense-.

A Real Academia Galega celebrou unha sesión extraordinaria no salón de actos do Concello de Xinzo e foron os académicos Fina Casalderrey, Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero os encargados de afondar noutras tantas facetas do escritor homenaxeado no 17 de maio. Casalderrey lembrou que «aquí, no ecosistema de Xinzo, asistiu Casares á primeira escola do fantástico», e centrou a súa intervención en salientar a súa «moito máis que simbólica contribución á literatura infantil e xuvenil, eido no que foi un pioneiro en escribir en galego, e tamén en traducir cara ao galego». A galiña azul, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas ou as historias de Toribio, entre outros, foron títulos citados.

Henrique Monteagudo reivindicou ao Casares novelista, o «contador de historias», un «home polifacético e de importancia central na historia galega da segunda metade do século XX non só pola súa obra literaria. Pero foi sobre todo escritor». Sinalou que a achega máis importante do creador ás letras galegas e universais atópase nas súas novelas, «sendo o arco central da súa novelística o ciclo que ten como pórtico Xoguetes para un tempo prohibido (1975) e que se completa coa triloxía Ilustrísima (1980), Os mortos daquel verán (1987) e Deus sentado nun sillón azul (1996)».

O relatorio de Xesús Alonso Montero centrouse en reivindicar os aspectos menos coñecidos do autor ao que este ano se lle dedican as Letras Galegas.

Poema ao Che Guevara

O expresidente da RAG referiuse á faceta de Carlos Casares como poeta, nos seus anos universitarios. Recuperou textos feitos por encarga de Ramón Piñeiro ou do propio Montero -sobre Fermín Penzol e Machado, respectivamente- e centrouse nos vinte e tres versos que conforman a elexía que en 1967 lle fixo A Ernesto Che Guevara. O epistolario de Casares e Piñeiro, o recoñecemento do mozo que se sinte «fascinado polo marxismo» e o rexeitamento do seu mentor tamén foron aspectos aos que se referiu o académico. Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, salientou a dimensión do homenaxeado como xestor cultural e editor e falou do «Carlos Casares comprometido co seu país e o seu tempo. Traballou sempre desde o compromiso por Galicia, pola lingua e pola identidade». A faceta do home que acreditaba nas institucións para facer país foi outro dos aspectos aos que se referiu.

Consenso para fortalecer o futuro da lingua galega

En Xinzo non estivo Goytisolo, mais houbo palabras para Xulia. Carlos Casares e a súa familia foron os protagonistas: os seus irmáns Xavier e Mercedes, os seus fillos Hakan e Christian e a desaparecida Kristina Berg, a súa muller. Aínda que todo o simbolismo chegou da man dunha cativa que, de certo, deberá agardar a que pasen uns cantos anos para que alguén lle conte o acontecido na capital da Limia o 17 de maio do 2017. Freixanes referiuse a ela, cando sinalou que Xulia Casares andaba inqueda no colo da súa nai. No salón de actos do Concello -no acto da RAG- e Hakan Casares Berg citou á súa sobriña e aos cativos presentes na praza para anceiar «un Día das Letras Galegas que sexa unha festa para os nenos, para que lean en galego e que o gocen. E que sexan quen de conseguir a Galicia que meu pai soñou».

No acto público da praza Carlos Casares o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, referiuse aos escenarios da Limia e a Beiro como «o seu Macondo, pero un Macondo galego e real poboado por xentes que sementaron nel o amor polo relato». A súas facetas como contador de historias e amante do faladoiro, a influenza que en Casares tiveron Risco, Piñeiro ou Torrente Ballester ou o seu compromiso galeguista foron aspectos destacados por Feijoo. Para o presidente da Xunta «a ‘Galicia como tarefa’, que reivindicaba Valentín Paz Andrade, adquire en Carlos Casares a súa máxima expresión». Citou a Cortázar para asegurar que o escritor nunca será un monumento e que se manterá vivo o seu legado e mencionou o papel de Casares na Lei de Normalización Lingüística para lembrar que na actualidade hai institucións e lexislacións para protexer a lingua e velar por ela.

Neste aspecto, e na necesidade de consenso, incidiu Freixanes: «Neste momento hai xente manifestándose a prol do galego -a plataforma Queremos Galego en Compostela-. Nós estamos con eles e eles teñen que estar aquí, porque entre todos debemos traballar polo futuro da nosa lingua».

O presidente da Deputación, José Manuel Baltar, anunciou que hoxe asinará unha providencia para conceder ao autor a Medalla de Ouro da provincia de Ourense. Referiuse ao legado do escritor, á súa faceta como deputado do PSdeG pola provincia e a un universo creativo que entronca coa identidade ourensá.