La Voz presenta hoxe na Academia o seu libro sobre Carlos Casares

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O xornal súmase cada 17 de maio á celebración do Día das Letras Galegas coa publicación dun libro arredor da figura homenaxeada

15 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Como xa é tradición, La Voz de Galicia súmase cada 17 de maio á celebración do Día das Letras Galegas coa publicación dun libro arredor da figura homenaxeada cada ano. E como xa é tradición, o volume preséntase en sociedade na sede coruñesa da Real Academia Galega. Será nun acto hoxe, ás 13.30 horas, dous días antes de que La Voz ofreza este mércores o volume aos seus lectores, que poderán adquirilo polo prezo de 1,95 euros mais o cupón que figura impreso no lombo do diario.

Desta vez a obra versa sobre Carlos Casares, o escritor a quen se lle dedica neste 2017 o Día das Letras. Trátase dunha biografía, titulada Carlos Casares. O neno que quería xogar co mundo, e foi escrita por Antón Riveiro Coello, bo coñecedor da vida e da obra de Casares. A obra percorre o traxecto vital do escritor, dende o seu nacemento en Ourense e a súa infancia en Xinzo de Limia, ata os seus inicios como autor e a súa consolidación con obras tan senlleiras como Ilustrísima ou Deus sentado nun sillón azul.

Acompañado por diversas fotografías, o texto biográfico ofrece un cumprido retrato humano de Carlos Casares, que os seus moitos lectores xa albiscaban a través das súas columnas en La Voz, e que neste libro Antón Riveiro Coello converte nun conto en si mesmo.