La Voz presentou na Real Academia Galega o seu libro sobre Carlos Casares

Redacción LA VOZ

CULTURA

Presentación na Academia Galega da biografía de Carlos Casares publicada por La Voz
Presentación na Academia Galega da biografía de Carlos Casares publicada por La Voz César Quian

Antón Riveiro Coello relata na biografía "O neno que quería xogar co mundo" os principais episodios da vida do escritor homenaxeado este ano co Día das Letras

16 may 2017 . Actualizado a las 10:45 h.

La Voz presentou este luns na Real Academia Galega o volume que ofrecerá aos seus lectores o vindeiro mércores 17 co gallo da celebración do Día das Letras. Trátase da biografía Carlos Casares. O neno que quería xogar co mundo, na que Antón Riveiro Coello relata os principais chanzos vitais do escritor homenaxeado neste 2017. O libro poderá adquirirse este mércores co xornal por un prezo de 1,95 euros mais o cupón que figura impreso no lombo do diario.

Abriu o acto o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, quen subliñou a estreita relación que mantivo en vida Casares con La Voz, xornal da que foi colaborador e columnista diario os dez últimos anos da súa vida. O director do xornal, Xosé Luís Vilela, enmarcou ese vínculo no que tamén unen á Academia e o diario, e que se remonta mesmo a antes da fundación da institución académica. Vilela lembrou como Casares nunca fallaba na súa cita diaria cos lectores, conseguindo enviar os seus artigos dende os lugares máis afastados do planeta. Gabou tamén o seu uso da «sutileza da linguaxe común», coa que acadaba a «alquimia marabillosa» duns textos que «tocaban a cabeza e o corazón».

A seguir, o tamén xornalista e fillo do autor homenaxeado, Christian Casares, lembrou que o pai fora moitas cousas: «columnista, académico, editor... pero se algo foi por riba de todo, foi escritor», polo que vía lóxico que se lle rendese homenaxe cun libro. O autor da biografía, Antón Riveiro Coello, explicou que a encarga do libro tiña tamén unha fonda compoñente emocional, xa que Casares foi o editor dos seus libros en Galaxia, e ademais, o seu pai, foi mestre seu de cativo: «Don Paco aprendeume a ler, Carlos aprendeume a soñar, a que se podían construír mundos en galego, esa lingua que eu escoitaba en casa».

Pechou o acto Freixanes, quen subliñou a dimensión política, «máis alá de siglas», de Casares, un home de «compromiso co país», quen cría nunhas institucións sólidas como base para o seu futuro, e por iso mesmo se implicou na Academia e no Consello da Cultura, creando «espazos de entendemento», que ao xuízo de Freixanes, «son hoxe máis necesarios que nunca».

O acto contou tamén coa intervención de Carlos Núñez. O gaiteiro lembrou os faladoiros de Casares e Torrente Ballester, nos que unha vez participou, nunha conversa que derivou ás conexións con Irlanda e Escocia. Xa que logo, interpretou unha peza que aínda hoxe se canta en Escocia en gaélico, e que se titula Míster Coruña. O gaiteiro volveu tocar no peche da presentación, que rematou co Himno Galego.