Vegalsa-Eroski levará a Casares aos fogares galegos na cesta da compra

La Voz NOIA / LA VOZ

CULTURA

MARCOS CREO

A iniciativa foi presentada onte á tarde en Noia, nun acto que contou coa presenza, entre outros, de Hakan Casares

11 may 2017 . Actualizado a las 11:47 h.

A compañía Vegalsa-Eroski e a Secretaría Xeral de Política Lingüística uniron forzas unha vez máis para celebrar o Día das Letras Galegas cunha campaña que levará a Carlos Casares e a súa obra aos fogares de Galicia. A iniciativa foi presentada onte á tarde en Noia, nun acto que contou coa presenza, entre outros, de Hakan Casares, fillo do escritor e administrador da fundación que leva o seu nome.

Tamén estiveron entre os convidados á pegada de carteis coa que se puxo en marcha a campaña o académico Xesús Ferro Ruibal; o alcalde de Noia, Santiago Freire; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Este último subliñou o compromiso de Vegalsa-Eroski coa lingua e a cultura galegas e apuntou: «Seguro que Carlos Casares estaría encantado cunha campaña coma esta porque, se por algo se destacou, foi por sacar a normalización lingüística do ámbito académico, e esta iniciativa contribúe a iso». Nesa idea incidiu tamén o fillo do escritor, que considera moi interesante «que a lingua esperte o interese de grandes empresas como forma de xerar valor engadido».

Florentino Vázquez, director da Liña de Negocio de Eroski, explicou que a campaña consiste na pegada de carteis baseados en obras de Casares e na distribución de 2,5 millóns de bolsas conmemorativas.