A RAG promove o concurso escolar «Contádenos o voso Día das Letras»

Está aberto a todos os centros escolares de Galicia de infantil e primaria, co obxectivo de que amosen como celebran o vindeiro día 17

.

redacción / la voz 02/05/2017 05:00 h

A Real Academia Galega vén de poñer en marcha o certame Contádenos o voso Día das Letras, dirixido a escolares de ata 12 anos, a través do seu proxecto web Primavera das Letras, accesible no enderezo primaveradasletras.gal. Está aberto a todos os centros escolares de Galicia de infantil e primaria, co obxectivo de que amosen como celebran o vindeiro día 17, este ano dedicado á figura e á obra de Carlos Casares.

As iniciativas a concurso serán compartidas neste espazo web, onde xa están dispoñibles dezasete actividades interactivas, fichas didácticas e fichas didácticas para colorear arredor da biografía e os libros de Casares. Cada centro poderá participar co número de proxectos que desexe, tanto os que abranguen a toda a comunidade escolar, como os que se organicen por aula, curso ou etapa. O xeito de participar é mediante o envío das ligazóns das súas webs ou blogs ou o material das súas iniciativas ao correo contacto@primaveradasletras.gal. O prazo remata o vindeiro 21 de xuño. Entre os participantes sortearanse lotes de libros á volta das vacacións de verán.

Propostas didácticas

Primavera das Letras estreouse o ano pasado coa celebración dedicada a Manuel María. Neste 2017 a iniciativa ofrece propostas didácticas arredor de Casares para docentes, familias e estudantes, cun enfoque interdisciplinario que non se limita á lingua e á literatura, senón que busca desenvolver competencias en eidos como o medio natural e social, a historia ou a educación artística, empregando a figura do autor homenaxeado.

Votación
1 votos
Comentarios