Un simposio afonda nos dereitos lingüísticos en Galicia

Os décimo novenos Encontros pola Normalización inclúen relatorios, obradoiros e unha guía de recursos

.

santiago / la voz 21/04/2017 05:00 h

A pregunta quedou onte no aire: ¿dereitos lingüísticos, unha garantía pendente? É a cuestión que tentan responder entre onte e hoxe os participantes na décimo novena edición dos Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Consello da Cultura Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. E esas respostas chegarán da man de mesas redondas, conferencias, debates e obradoiros para, dende diferentes ámbitos e perspectivas, reflexionar e debater sobre os dereitos lingüísticos da cidadanía galega.

A primeira foi a institucional. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, lembrou durante a inauguración das xornadas que dende a chegada da democracia foron aparecendo leis «que protexeron amplamente os nosos dereitos lingüísticos, ás veces máis amplamente do que unha parte dos galegos demandaba para si». E del saíu a primeira resposta. O reto pendente é «o de facer plenamente conscientes a todos os galegofalantes dos dereitos que teñen e animalos a exercelos».

O proceso, de todos os xeitos, aínda non rematou. E para falar de dereitos lingüísticos sentaron primeiro Paul Bilbao, da plataforma vasca Kontseilua, e Marcos Maceira, da Mesa pola Normalización Lingüística. Pero as perspectivas tamén abrangueron o ámbito municipal, do que se encargou Xesús Costas Abreu, do Concello de Vigo, e os servizos á cidadanía e a lingua, sobre o que debateron Alicia Paula Otero, do Concello de Pontevedra, e Margarita Parajó e María del Carmen Pazos, do Concello de Vigo.

Os ámbitos do ensino e da sanidade serán os temas centrais da xornada de hoxe, que comezará co relatorio de María Montserrat Castro sobre os dereitos lingüísticos como principio de atención á diversidade. Tamén está previsto un coloquio sobre formación profesional, experiencias educativas e mercado laboral, e o relatorio de Rosalía Fernández Rial sobre o potencial da expresión dramática na normalización lingüística.

Xa pola tarde celebraranse dous obradoiros: Aulas sen paredes, impartido por Rosalía Fernández Rial, e Versos que desatan a lingua, do que se encargará Carlos Negro, así como unha mesa redonda sobre o ámbito da sanidade con Marta Mariño e Álvaro Lamas. O encontro pecharase coa música de Xurxo Fernandes e de Pedro Lamas. 

Recursos e iniciativas

Ademais, estes encontros destinan un espazo á presentación e difusión de iniciativas e experiencias normalizadoras a través de Crear contextos e da Artesa 2017, unha mostra de recursos que corre paralela á celebración destas xornadas.

Votación
1 votos
Comentarios