A obra «Eroski Paraíso» trunfa nos María Casares ao levar os dous premios maiores

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Só «O tolleito de Inishmaan», de Cándido Pazó, con cinco estatuíñas, lle disputou a noite á peza de Chévere

30 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A noite dos premios María Casares foi a noite de Eroski Paraíso e de O tolleito de Inishmaan. As súas respectivas oito e once nominacións xa anunciaban que a pugna entre os dous espectáculos sería a alma da velada que acolleu onte o coruñés teatro Rosalía de Castro. No tramo final foi a produción de Chévere Eroski Paraíso a que se fixo cos dous galardóns máis apetecidos, os da montaxe e a dirección. Xesús Ron, que recolleu este último, empregou a súa intervención de agradecemento para facer varias peticións no ámbito do laboral. Reclamou que o CDG (Centro Dramático Galego) poda dispor de dotación económica propia para evitar liortas como as que veñen de producirse na selección do elenco de Martes de Carnaval -a profesión esixe independencia total no campo artístico para os directores das montaxes-. Ron desexou ademais que na gala do próximo ano xa estea en vigor a lei galega das artes escénicas, na que se empezou a traballar e da que xa teñen un borrador do texto.

Houbo así espazo na festa -ideada e conducida polo paiaso Pepo Suevos- para a reivindicación. E Cándido Pazó puxo deseguido o Rosalía en camiño cando xa nos comezos subiu a recoller o premio á mellor adaptación/tradución por O tolleito (sobre o texto do autor angloirlandés Martin McDonagh) e dedicou sentidamente o galardón -compartido con Santi Romay e Alberto Rodríguez- «á lingua, á nosa lingua». Pero quizais o momento máis emotivo da gala da 21.ª edición dos premios María Casares -organizados pola a Asociación de Actores de Galicia (AAAG)- protagonizouno Eduardo Alonso, co teatro Rosalía aplaudindo posto en pé, cando, ao recibir o galardón de honra Marisa Soto, e despois de rachar os papeis co discurso que levaba escrito, rematou, dirixíndose á súa dona: «¡Luma, que nos quiten o bailado!». Non é para menos, son xa trinta anos de andaina compartida coa súa muller (a actriz Luma Gómez) detrás de Teatro do Noroeste, imprescindible compañía da escena galega.

De mulleres tamén falou o presidente do colectivo AAAG, Ernesto Chao, que fixo unha chamada á traballar xuntos pola igualdade no teatro ao asegurar que só entre o 25% e o 30% dos papeis son para as mulleres, e que as historias viaxan sempre arredor dun home (ou de varios). Neste mesmo sentido, lembrou un dato moi relevante: o 70% do público está formado por mulleres.

Unha das novidades máis esperadas nesta edición dos María Casares foi a presenza de Pepo Suevos. «A aposta é diferente porque encargáronlle a gala a un paiaso», ironizaba sobre si mesmo. O cómico -«un fulano que non fai teatro», confesou- foi o presentador e director da velada. E con golpes de humor e desenfado, reflexionou sobre as relacións entre o mundo do teatro e a Administración. Contou cos actores Roberto Leal, Patricia Torres, Alberto Rolán, Marta Lado, Silvana Sestelo e Josito Porto, e a escenografía de Suso Montero, animados todos polo son e o jazz dunha banda cubana.

A dramaturga e actriz Imma António leu o Manifesto galego do Día Mundial do Teatro.