Víctor Freixanes, elixido novo presidente da RAG

La Voz / Europa Press

CULTURA

Marcos Míguez

O escritor e profesor recibiu o apoio de 18 dos 19 académicos presentes na sesión plenaria

28 mar 2017 . Actualizado a las 20:54 h.

O escritor e profesor Víctor Fernández Freixanes foi elixido novo presidente da Real Academia Galega (RAG). O exdirector da Editorial Galaxia recibiu o apoio de 18 dos 19 académicos presentes nunha sesión plenaria marcada pola cita electoral, á que se presentara unha única candidatura.

O equipo que acompañará a Freixanes contará con Henrique Monteagudo (secretario); Andrés Torres Queiruga (vicesecretario); Marilar Aleixandre (tesoureira) e Fina Casalderrey (bibliotecaria e responsable do Arquivo).

Freixanes avanzou que será «continuista» respecto á xestión emprendida polo seu antecesor Xesús Alonso Montero, destacando os catro anos de «intenso traballo» que protagonizou o equipo saínte.

Dos 28 académicos con dereito a voto, tres excusaron a súa asistencia e outros seis ausentáronse polas súas discrepancias no tocante ao proceso electoral, ao entender que a candidatura de Freixanes profundizaba na «división» no seo da RAG. Sobre esta protesta, Freixanes fixo un chamamento para que estes académicos se «sumen ao esforzo» de facer que a Academia mire «cara o futuro».

«Unha honra e unha alta resposabilidade»

«Son consciente -dicía este luns o próximo presidente da RAG- da honra que iso supón, e mais da alta responsabilidade que asumo. Son consciente tamén das dificultades que a institución veu atravesando nos últimos tempos, así como do enorme esforzo realizado polos compañeiros e compañeiras que a xestionaron durante este período, tanto o presidente e os membros da executiva como aqueles que o fixeron dende as distintas comisións, actividades e grupos de traballo». 

Unha das directrices que marcará esa xestión é a de manter a presenza feminina na comisión executiva, na que ata agora estaban Margarita Ledo e Rosario Álvarez. Esta é unha tendencia na que coinciden todos os académicos: a necesidade de dar máis pulo á presenza de académicas, como amosa o feito dos últimos ingresos de Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, así como a elección de Chus Pato para ocupar a vacante que deixou o falecemento de Xosé Fernández Ferreiro. Esta última, aínda que foi elixida o pasado 5 de novembro do ano pasado, non tomou posesión. Mentres Aleixandre falaba tamén da necesidade de máis mulleres na entidade, Chus Pato dicía neste xornal: «O que penso é que xa que as mulleres sostemos a metade do ceo, é de xustiza que teñamos visibilidade nas institucións terrestres».

Será unha das tarefas que ten por diante Fernández Freixanes, que amosaba así as súas pretensións de cara ao futuro na carta aos académicos: «A miña intención é conseguir o maior consenso posible para, entre todos, iniciar unha nova etapa que concibo como continuidade da anterior, mais na procura de avanzar na construción de espazos de entendemento e concordia a prol dunha maior eficacia dos nosos obxectivos fundacionais: a defensa, dignidade, uso e promoción da lingua galega».