A RAG escolle presidente para unha nova etapa

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

O plenario da Academia
La Voz

Freixanes será elixido «consciente das dificultades que a institución vén atravesando»

28 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Son 28 os membros do plenario da Real Academia Galega (RAG) convocados para as 18.30 horas de hoxe. A cita é no segundo andar do número 11 da rúa Tabernas da Coruña, na que fora a casa de Emilia Pardo Bazán e agora é sede da RAG. O cometido que teñen é o de escoller o seu presidente para os próximos catro anos. «Con data 24 de marzo foi rexistrada unha proposta a favor de Víctor Fernández Freixanes, subscrita polos académicos Xesús Alonso Montero, Margarita Ledo Andión e Antón Santamarina Fernández», informaban onte desde a institución fundada en 1906. «Un grupo de académicos, membros todos do plenario, anímanme a presentar a miña candidatura á presidencia da Real Academia Galega», di o escritor, editor e profesor universitario na carta que con data do día 24 enviaba aos académicos.

«Son consciente -segue dicindo o próximo presidente da RAG- da honra que iso supón, e mais da alta responsabilidade que asumo. Son consciente tamén das dificultades que a institución veu atravesando nos últimos tempos, así como do enorme esforzo realizado polos compañeiros e compañeiras que a xestionaron durante este período, tanto o presidente e os membros da executiva como aqueles que o fixeron dende as distintas comisións, actividades e grupos de traballo». Para a sesión desta tarde, anuncia Freixanes: «Quixera presentar as liñas mestras da miña proposta de xestión e mais os nomes dos compañeiros e compañeiras que quixera que me acompañasen nesta responsabilidade». 

Máis presenza feminina

Unha das directrices que marcará esa xestión é a de manter a presenza feminina na comisión executiva, na que ata agora estaban Margarita Ledo e Rosario Álvarez. Esta é unha tendencia na que coinciden todos os académicos: a necesidade de dar máis pulo á presenza de académicas, como amosa o feito dos últimos ingresos de Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, así como a elección de Chus Pato para ocupar a vacante que deixou o falecemento de Xosé Fernández Ferreiro. Esta última, aínda que foi elixida o pasado 5 de novembro do ano pasado, non tomou posesión. Mentres Aleixandre falaba tamén da necesidade de máis mulleres na entidade, Chus Pato dicía neste xornal: «O que penso é que xa que as mulleres sostemos a metade do ceo, é de xustiza que teñamos visibilidade nas institucións terrestres».

Será unha das tarefas que ten por diante Fernández Freixanes, que amosaba así as súas pretensións de cara ao futuro na carta aos académicos: «A miña intención é conseguir o maior consenso posible para, entre todos, iniciar unha nova etapa que concibo como continuidade da anterior, mais na procura de avanzar na construción de espazos de entendemento e concordia a prol dunha maior eficacia dos nosos obxectivos fundacionais: a defensa, dignidade, uso e promoción da lingua galega».