Tres volumes completan a edición en libro das «Marxes» de Carlos Casares

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

CESAR QUIAN

Abranguen as columnas que escribiu en La Voz de Galicia entre os anos 1999 e 2002

13 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dez volumes recollen en libro un dos proxectos máis senlleiros da literatura galega: as columnas que baixo o título de Á marxe publicou Carlos Casares en La Voz de Galicia a diario entre 1992 e o 2002. A Editorial Galaxia, que el dirixiu e na que apareceu a súa obra literaria, iniciou hai uns anos a publicación destas columnas de Casares, iniciativa que vén de concluír co lanzamento estes días dos tres derradeiros tomos. Son os que recollen as Marxes do escritor entre os anos 1999 e 2001; este último engade os textos que saíron entre os días 2 de xaneiro e 9 de marzo do 2002, data do pasamento do autor. Cada un dos tomos inclúe un índice de títulos e outro onomástico, que, ademais da súa función práctica, evidencia o gran número de persoas que citaba Casares e, xa que logo, a amplitude temática do seu particular universo xornalístico.

Porque precisamente en Carlos Casares o xornalismo non se pode considerar un xénero menor, senón maior. Son varios os factores que fixeron dos seus artigos un fito na literatura galega: a extensión e a regularidade, xa que apenas fallou á súa cita diaria cos lectores durante un decenio; a amplitude e variedade dos temas abordados, que ían dende lembranzas de infancia a cuestións de actualidade; a eficacia estilística, que lle permitía, adaptándose a un espazo marcado pola brevidade, espremer ata a esencia o tema ou a anécdota que trataba; e a conexión que establecía cos seus lectores, que respondían con fidelidade á chamada de Casares e mesmo se amosaban activos, escribíndolle para felicitalo ou rebaterlle un dato, así como para interesarse por personaxes como o gato Samuel, habitual nas súas columnas.

Deste xeito, Á marxe, contemplada no seu conxunto, pode equipararse á obra dalgúns dos diaristas clásicos da literatura universal, arrancando con Samuel Pepys, pasando polos Carnets de Albert Camus e chegando aos Diarios de Miguel Torga, por quen Casares sentía verdadeira admiración e de quen escribiu páxinas memorables, recollidas no seu libro Un país de palabras, e que aparecía de cando en vez nas Marxes. Porque as lecturas de Casares tamén eran alicerce fundamental das súas columnas, e nelas consignaba o rexistro dos seus autores predilectos ou informaba dos últimos achados, xa que, como autor pero sobre todo como editor, seguía a actualidade do sector, como proba, por exemplo, a súa subscrición á revista Granta.

 

Un mundo persoal

Ademais de ver o mundo a través dos ollos de Casares, as Marxes permitían ao lector asomarse ao mundo persoal do propio autor, quen convertía anécdotas de infancia en relatos breves que revelaban unha verdade universal, herdanza da súa habelencia como narrador oral. Ás veces un suceso de actualidade poñía en marcha un mecanismo complexo de memoria e evocación: a lectura dunha noticia trivial lembráballe a un amigo, de quen escribía un artigo, e ao día seguinte e outro e aínda outro máis, como aconteceu nunha ocasión coa lembranza do fotógrafo Pepe Suárez, de quen Casares lamentaba que se fora esquecendo a súa obra, e a quen retrataba coa arte que caracterizaba a súa literatura: sinxeleza, precisión e tenrura.

Tres biografías sobre o autor homenaxeado co Día das Letras

Como corresponde á súa condición de figura homenaxeada este ano co Día das Letras, empezan xa a chegar ás librerías as primeiras biografías que se ocupan da vida e obra de Carlos Casares.

Ramón Loureiro asina Casares (Trifolium). Na introdución lembra os días que rodearon ao pasamento do escritor en marzo do 2002 dende unha visión intimista, para logo ofrecer unha parte central que percorre os principais chanzos biográficos do autor, a relevancia da súa obra para a literatura galega e o seu papel como dinamizador da vida cultural dende as institucións. O libro péchase cunha entrevista que Loureiro e Casares mantiveron en Nigrán pouco antes do pasamento do autor de Ilustrísima, que ía sentar as bases dun libro de conversas que non puido ser.

Xerais publica na súa colección Merlín Carlos Casares. Vida e literatura, de Damián Villalaín, que se divide en nove capítulos que abranguen dende a infancia na Limia, o seu paso polo seminario de Ourense e a súa marcha a Santiago, para deterse no papel da súa muller, Kristina Berg, e o descubrimento de Suecia, o seu paso pola política, a dirección de Galaxia ou a presidencia do Consello da Cultura, ademais das súas obras máis importantes, como Ilustrísima ou Deus sentado nun sillón azul.

Carlos Casares. Un contador de historias (Galaxia) é a achega de Henrique Monteagudo, quen estrutura en catro áreas cronolóxicas a vida do escritor, dende a infancia ata a plenitude e a morte prematura. O volume compleméntase con tres apéndices con textos de Casares sobre a súa obra ou o idioma galego.