Rosalía renace nos mozos de Galicia

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

VTelevision

O día dedicado á autora de «Follas novas» encheu o país de poemas, música, flores e sorrisos; atrás queda o falso mito da resignación e a tristura, onte a escritora foi a viva imaxe da festa

25 feb 2017 . Actualizado a las 09:49 h.

«Chegou a bautizarse sen pais, no colo dunha criada», lembrou o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, na capela do hostal dos Reis Católicos, en Santiago, onde a escritora recibiu bautismo hai 180 anos. «Con ela naceu unha esperanza, unha ilusión, que como un perfume se estendeu por toda Galicia», engadiu nos actos que a entidade organizou en Compostela. Despois, nesa capela, representantes das institucións e do mundo labrego puxeron voz aos versos da poeta. Cada un escolleu un poema, a xustiza, a lingua, a emigración... Non faltou a música, con Carapus e Ialma. Pouco antes, unha coroa de flores rendeu homenaxe na estatua de Rosalía.

Pero foi na lareira do fogar de Rosalía, na Casa da Matanza, en Padrón, onde a festa queceu os corpos. A cociña volveu ter o lume prendido, para elaborar o caldo de gloria, co que a fundación festexou o aniversario, da man dos cociñeiros do programa Larpeiros. Na vila, uns 30 establecementos hostaleiros servían o caldo todo o día. E a mocidade retratábase coa imaxe da poeta. Xa pola tarde, no auditorio da Matanza proxectouse a curta Unha muller que pasa/Silencio, debida a Paco Gallego e Xosé Bocixa.

Pero a festa estendeuse todo o día polas catro costas do país. En Lugo, na capela de santa María, os visitantes recibían unha rosa e un poema. En Ourense, a biblioteca universitaria, que leva o nome da escritora, acolleu a entrega dos premios do certame de vídeo-poemas RosalíaTe, nos que o recitado dos versos rosalianos guiaban os traballos. Unha exposición, Imaxes de Rosalía, elaborada polo alumnado, e a música do cantautor Xosé Constenla completaban o festexo. En Pontevedra, a deputación achegou o seu gran de area á conmemoración cunha lectura de textos da escritora padronesa e co reparto de libros e camelias entre os asistentes.

Ninguén reparou no falso mito da tristura e a resignación que pesou moito tempo sobre Rosalía, onte todo foi celebración nun día no que a máis grande poeta galega renaceu no sorriso, na voz e no compromiso dos mozos do país.