Descubrir unha Rosalía cada día

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

MARTA CARBALLO / MARCO GUNDÍN

Encontro cunha ducia de galegas de hoxe, que levan con orgullo o nome da escritora máis universal das Letras do país

24 feb 2017 . Actualizado a las 15:55 h.

Rosalía de Castro é «un nome que me impulsa para crear e para seguir escribindo», afirma Rosalía Fernández Rial, autora que destaca na máis nova poesía galega. Con menos de 30 anos publicou seis libros de poesía e un ensaio alicerzado na súa investigación de doutoramento, alén de ter colaborado en varias obras colectivas, entre elas o proxecto electrónico 150 cantares para Rosalía de Castro, no ano 2015, promovido pola Fundación Rosalía de Castro. Ela é unha das doce galegas que se xuntaron na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago para contar a súa experiencia de levar o nome da escritora máis universal das Letras Galegas. E todas o fan con orgullo.

Con ela estaban a tamén escritora de poesía galega Rosalía Morlán; Rosalía Fernández López quen, como Fernández Rial, é profesora de lingua e literatura española; Elena Rosalía Rodríguez Fontenla, de 28 anos, investigadora da USC; Rosalía Meitín Suárez, da Mariña de Lugo; Rosalía Carril, de Compostela; as estudantes Rosalía Otero Mayán, do IES Rosalía de Castro; Rosalía Rey Couso, do colexio Peleteiro; Rosalía García Pereiro, do colexio de Lamas de Abade, Rosalía Bello Fernández, do López Ferreiro de Santiago; Rosalía Corbal Vidal, de 5 anos, da escola infantil de Milladoiro; e a máis nova de todas, Rosalía Alonso Mujico, de 10 meses, quen acudiu no colo da súa nai Carla.

Todas levan o nome dunha muller «irrepetible e admirable», indica Fernández Rial. «Rosalía é infinita; unha figura absolutamente poliédrica, de moitísimas caras, como tanta xente ten repetido ultimamente. Se nos centramos realmente na súa obra vemos que existen centos, miles de Rosalías, e que cada día podemos descubrir unha Rosalía nova. É unha figura moi difícil de encaixar e de etiquetar, e é unha figura sempre viva. É un pracer e unha honra levar o nome dunha figura por quen sinto admiración», manifesta.

Xa na escola lembra ter lido Follas novas ou Cantares gallegos. E, como profesora de lingua española, resalta «En las orillas del Sar ou Lieders, aínda que tamén todas as súas novelas son moi valiosas. Non hai unha figura que se lle poda equiparar na literatura española do século XIX. É por iso que é tan traducida e hai interese internacional na súa obra»

Rosalía Carril é de Roxos, un lugar de Compostela onde estaba de moda o nome de Rosalía, afirma. Así se chamaron tamén unha súa bisavoa, unha avoa, e unha tía. «E eu non teño fillas, polo que non hai máis de momento», explica. A súa bisavoa procedía da zona de Bastavales, no veciño municipio de Brión, e pensa que talvez coñecese persoalmente á escritora.

Rosalía Meitín Suárez foi en 1984 residir para Santiago. Afirma que lle puxeron o nome polo seu avó. «Cando ía ao colexio non o levaba tan ben, porque era a única, e ás veces por iso se metían comigo. Agora non, vexo que hai moitas máis Rosalías. Lembro que no colexio liamos Follas novas e que gustaba». Elena Rosalía Rodríguez Fontenla, de 28 años, di que lle puxeron o nome para honrar á súa avoa, quen lía moito a Rosalía de Castro, era a súa «escritora favorita». Fai a tese de doutoramento en Políticas, na USC, onde é máis coñecida polo primeiro nome, e valora que Rosalía é tamén un nome moi belo, pola simboloxía e pola sonoridade que ten. Considera que a obra de Rosalía de Castro é «estupenda, insuperable» e «universal».

Todas estas mulleres relatan as historias sobre o seu nome na biblioteca pública Ánxel Casal, que desde hai días honra na súa fachada a efeméride de hoxe con versos de Rosalía, e tamén en diferentes espazos, alén de ofrecer unha exposición. Esta tarde haberá un xogo de escape room, orientado para grupos que teñan entre 10 e 14 anos, que deberán investigar para dar cun manuscrito de Rosalía.

Música e poesía

Entre as máis novas que se achegaron á biblioteca están Rosalía Rey, alumna de Peleteiro e que esclarece que lle puxeron ese nome porque era tamén o da súa avoa e salienta o interese coincidente na poesía e na música, pois ela le a obra de Rosalía e estuda violino.

Rosalía Otero, de 16 anos, matriculada en primeiro de bacharelato, di gustar da poesía de Rosalía; de feito, estuda nun centro de ensino que leva o nome da autora.

Tamén Rosalía Bello, que estuda no López Ferreiro, destaca os seus poemas, e o feito de que morrese «con só 48 anos». Sabe que hoxe é o 180.º aniversario do seu nacemento e ten interese en coñecer máis cousas da súa vida e a produción literaria. E o mesmo Rosalía García, do colexio de Lamas de Abade, quen tiña unha tataravoa con ese nome.

«É un nome que transmite sensibilidade e ao mesmo tempo é forte, como ela»

Rosalía Morlán, autora de seis libros de poesía galega, naceu en Vilariño (Trazo) e foi coa súa familia para Compostela con 6 anos. Tras residir uns poucos días na zona monumental da cidade xa se mudaron para Conxo, onde continúa, e traballa no hospital. «O meu avó escolleu para min o nome de Rosalía para honrar a Rosalía de Castro, o mesmo que decidiu que un tío meu se chamase Daniel para lembrar a Castelao», recorda. Para ela, «é un pracer e unha honra levar este nome. Se tivese que escoller nome de novo, insistiría no mesmo. Porque é un nome que transmite sensibilidade e ao mesmo tempo é forte, como ela; pois a obra de Rosalía de Castro transmite sensibilidade e forza ao mesmo tempo», indica.

Cando Rosalía Morlán era nova «era raro este nome, por infrecuente. Agora xa o escoito máis. Aínda que para min sempre representou un orgullo». Rosalía Morlán publicou a finais do ano pasado Nas rúas de Compostela. Antes saíron outros cinco títulos da súa autoría, onde resalta a presenza de Santiago, e onde conviven espazos, personaxes, tradicións e moitos outros aspectos da que define como «a cidade da miña vida», que é tamén a de Rosalía de Castro, e onde a autora de Cantares gallegos ten unha presenza en moitos espazos que fan lembrar a súa naturalidade.

Enigmas

Ela é unha entre os máis de 150 nomes de Escritoras na Galicia do século XIX, identificadas nun estudo promovido polo CSIC, coa colaboración dun importante grupo de investigadores. A Rosalía de Castro é a quen lle dedican máis espazo, a pesar de que outras mulleres tiñan máis impacto na sociedade do seu tempo. A profesora Carmen Blanco, da USC, tivo a encomenda de elaborar o estudo sobre ela e afirma que «suponse o seu nacemento» un día como hoxe de 1837, segundo informa a súa partida de bautismo, na capela do Hospital Real de Santiago, onde se identificou cos nomes de María Rosalía Rita. Hai outros aspectos da súa biografía enigmáticos.

Porén, o seu nome xa é un símbolo e fai que moitos pais e nais o elixan, por ela, para as súas fillas. Foi o que lle aconteceu ao psicólogo Elisardo Becoña e á súa dona: «Inflúen moitas cousas para escoller un nome, e unha figura da dimensión humana e literaria de Rosalía, tan inmensa, sen dúbida que axuda», confesa.

«En Andalucía, en canto dicía o nome xa me identificaban como galega»

Rosalía Fernández López pasou parte da súa vida, exercendo como profesora, no exterior. Ensina lingua e literatura españolas, e fala nas súas aulas desta autora galega, que salienta como figura central da poesía e da narrativa do século XIX. «Cando estaba fóra, o nome de Rosalía era unha identidade galega total. En Andalucía, en canto dicía o nome xa me identificaban como galega, non precisaban máis información para deducir a miña orixe», corrobora. Naceu en Lourenzá e leva moitos anos residindo en Santiago. É unha Rosalía con moitos antecedentes, pois unha bisavoa, unha avoa e unha prima da súa nai tamén chamábanse así. «Eu son polo de agora a última, en min ficou o nome», conclúe.