Imagen:

«A representación de 'A cabeza do dragón' é a fin dunha anomalía»

A montaxe de Valle en galego, dirixida por Cadaval, estréase o 3 de marzo en Santiago


Santiago / la voz

«A cabeza do dragón é a primeira montaxe pública e profesional de Valle-Inclán en galego. É unha festa para a nosa cultura e a fin dunha anomalía. A imposibilidade partía dunha decisión privada e agora xa non teñen nada que dicir». As verbas son de Quico Cadaval, director da primeira peza do creador do esperpento que se representará en galego despois de que expirasen os dereitos de autor ao cumprirse 80 anos da súa morte. A súa estrea será o 3 de marzo no teatro Principal de Santiago, onde están programadas outras cinco funcións máis ata o día 11. 

A compañía Producións Teatrais Excéntricas será a encargada de poñer sobre as táboas unha peza teatral que, en palabras do seu director, se move «a medio camiño entre o modernismo e o esperpento» e na que se abordan temas como «a recreación da cultura popular, a ridiculización da monarquía e a crítica ao machismo e ao patriarcalismo». Xa teñen cerradas 25 funcións, o que, en opinión de Cadaval, hoxe é un éxito pero hai dez anos sería considerado un fracaso.

Tras a súa estrea en Santiago, A cabeza do dragón chegará ao teatro Colón de A Coruña (17 e 18 de marzo), para despois iniciar unha xira por outros puntos de Galicia e incluso Portugal. O elenco artístico está formado por Iván Marcos, Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira, María Costas, Josito Porto, Yelena Molina, Marcos Orsi e o propio Cadaval. 

A compañía enfrontou parte da preparación de A cabeza do dragón durante unha residencia artística no teatro Colón co apoio da Deputación da Coruña. Ademais de a Producións Excéntricas, o organismo provincial dou este mesmo respaldo a Voadora para a montaxe Soño dunha noite de verán. Agora, a deputación, segundo explicou a súa vicepresidenta, Goretti Sanmartín, promoverá unha xira que permitirá a chegada destas obras a concellos medianos e pequenos.

 

 

Votación
3 votos
Etiquetas
Quico Cadaval Diputación de A Coruña Teatro Colón Teatro Portugal
Comentarios