A Agadic despacha a crise no CDG ao substituír a Tito Asorey por Marta Pazos

A actriz pontevedresa asume así a dirección dos dous espectáculos de Valle-Inclán


Redacción / La Voz

Hai case quince días que Tito Asorey renunciou á dirección da montaxe teatral da obra de Valle-Inclán As galas do defunto, primeira parte da produción do CDG (Centro Dramático Galego) Martes de Carnaval, que se completa coa peza A filla do capitán. O espectáculo supón a primeira representación en galego dun texto do xenial dramaturgo arousán pola compañía autonómica. A decisión de Asorey viña precedida da súa dimisión como membro do tribunal que debe valorar o proceso de selección de actores. Con el fóronse dúas persoas máis, que deixaban na metade este órgano de avaliación. A Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais, da que depende o CDG) silenciou a crise e deu carpetazo ao asunto do xurado cunhas resolucións administrativas nas que aceptaba as dimisións e nomeaba a outras persoas como relevo. Nada se soubo de que a montaxe As galas do defunto quedaba sen temón ata que o propio Asorey fixo pública o xoves a súa saída do proxecto argumentando unha «falta de acordo coa Administración en canto ao procedemento xurídico que regula a selección do elenco desta montaxe» e cuxa aplicación, ao seu parecer, «dificultaba enormemente o proceso artístico» tal e como el o entende.

No fondo deste desencontro está o que a Agadic chama «os determinantes legais que rexen o proceso» e que, aduce, son «de obrigado cumprimento para a Administración pública». Para a Asociación de Actores de Galicia (AAAG), colectivo sindical que aglutina preto de 300 profesionais, non son máis que atrancos e un empeño absurdo o tratar unha elección artística como se fose un procedemento puramente técnico-administrativo, ao impoñerlle as normas da función pública e uns parámetros propios dun concurso público. Fontes do sector recordan que co anterior responsable do CDG, Manuel Guede, respectábase a independencia dos criterios artísticos do director do espectáculo, cousa que non sucede desde que asumiu o mando Fefa Noia. De feito, hai quen relaciona a marcha de Guede -xustificada por motivos persoais- con non ter aceptado estes métodos. Este tipo de selección (que comporta dúas fases: valoración de currículos e cásting) comezou a rexer na anterior montaxe do CDG, Tartufo, dirixida polo valenciano Carles Alfaro. Xa entón houbo queixas pero non transcendeu.

Debe anotarse que, antes da axencia Agadic, o ente que englobaba ao CDG era o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem), que, segundo apuntan fontes do sector, nos procesos de selección de elencos teatrais, tiña en conta as particularidades artísticas do labor de actores e directores e ademais, engaden, concedía maior autonomía ao CDG no seu traballo.

Máis alá do inadecuado do método, a AAAG tamén denuncia que é pouco transparente xa que a Agadic «non manexa uns baremos claros e os concorrentes non poden saber con precisión cales son os criterios polos que se lles puntúa o currículo». Nese sentido, subliñan, o actor está moi limitado á hora de recorrer as cualificacións obtidas no proceso xa que carece da información necesaria para entender as razóns que sosteñen a puntuación obtida.

Este diario non conseguiu onte contactar coa Agadic para matizar unha postura que a axencia reduciu a unhas liñas explicativas nunha nota de prensa na que daba conta do número de actores presentados ao concurso. En dous parágrafos interiores despacha a renuncia de Asorey á dirección de As galas do defunto e o nomeamento, para substituílo, da actriz pontevedresa Marta Pazos, que queda así á fronte das dúas pezas de Valle-Inclán.

Asorey remitiuse onte ao seu comunicado de dimisión froito dun «desencontro irresoluble» e quixo reseñar que desexa que o espectáculo siga adiante e que Pazos e o seu equipo teñan moito éxito no proxecto do CDG.

403 Forbidden

Forbidden

You don't have permission to access /votacion/pixel_votos_responsive.php on this server.


Apache/2.2.22 (Debian) Server at www.lavozdegalicia.es Port 80
Etiquetas
Agadic Tito Asorey Centro Dramático Galego Carnaval Pontevedra ciudad
Comentarios