Primeiros movementos na Academia Galega cara á renovación da presidencia

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Alonso Montero estará en el acto de la Casa da Cultura de Ribadavia
Alonso Montero estará en el acto de la Casa da Cultura de Ribadavia MARCOS CREO

Alonso Montero deixará o cargo en abril e hai conversas «sotto voce» para sustituilo

03 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Antón Fraguas protagonizou un dos mellores resumos sobre o que acontece nun plenario para elixir ao presidente da Real Academia Galega. Cando saíu da reunión dixo: «Aí houbo algo de chuvascos, pero pouca cousa. Protestaron de que a prensa contou unha chea de contos novos e que eran segredos, pero son segredos deses que aparecen así un día que outro, total nada». Todo isto antes de dicir que, tal e como estaba previsto, fora elixido presidente Francisco Fernández del Riego e que acabaran a sesión «porque hai que ir xantar». Era o 29 de novembro de 1997 e «comezamos unha nova etapa», dicía Fraguas, arrimado ao seu bastón.

Víctor Freixanes
Víctor Freixanes Álvaro Ballesteros

A historia, con outros protagonistas, repetirase no vindeiro mes de abril cando está previsto que Xesús Alonso Montero, con 88 anos de idade, deixe a presidencia da RAG, á que chegou despois da votación do 19 de abril de 2013. Para estas novas eleccións estanse dando os primeiros movementos, conversas en voz baixa, propostas para posibles candidatos.

Nunha entrevista publicada en La Voz hai tres semanas, Tamara Montero preguntáballe a Víctor Freixanes se optaría a presidir a RAG. A súa resposta era: «Temos un presidente que é magnífico, que fixo un traballo que creo que nunca lle agradeceremos suficiente». Tamén apuntaba que calquera dos membros da Academia «sería un gran presidente». O certo é que o ex director xeral da editorial Galaxia non se pronunciaba sobre se será ou non candidato, pero fontes do seu entorno apuntan que sería unha boa opción.

Rosario Álvarez Blanco
Rosario Álvarez Blanco Marta Ferreiro

De todo os xeitos, dentro do plenario da Academia, cada persoa, como é lóxico, ten a súa opinión sobre as vindeiras eleccións e algunhas son moi claras: «Que fagan o que lles dea a gana; non me interesa nada».

Marilar Aleixandre
Marilar Aleixandre XOAN A. SOLER
 

Etapa de tranquilidade

Fontes próximas á actual xunta directiva recoñecen que o último proceso electoral, despois de que o 13 de marzo do 2013 dimitira Méndez Ferrín, foi especialmente duro. Daquela situación é certo que quedaron feridas fondas e que os dous primeiros anos do mandato de Alonso Montero non foron doados.

Pasados aqueles tempos, a normalidade parece que volveu ao seo da entidade e unha mostra sería que as discusións nas sesións plenarias da institución teñen lugar sen grandes sobresaltos e, cando son necesarias, con votacións que respaldan con amplísimas maiorías o traballo da actual xunta directiva.

Henrique Monteagudo
Henrique Monteagudo MARCOS MÍGUEZ

Nas primeiras conversas e movementos de cara á renovación da presidencia tamén hai voces que apostan por rachar unha situación inédita dentro da entidade, como é que desde a súa fundación, no ano 1906, nunca unha muller estivo presidindo a mesma.

Unha das opcións que apuntan algunhas fontes é a de Margarita Ledo, que forma parte da actual xunta directiva no cargo de arquiveira-bibliotecaria. Algún académico tamén sinala que Rosario Álvarez Blanco, tesoureira e que forma parte do Instituto da Lingua Galega, sería tamén unha boa candidata. 

Méndez Ferrín
Méndez Ferrín Santi M. Amil

A opción dunha muller

O certo é que tampouco son moitas as opcións á hora de poñer unha muller ao fronte da RAG xa que ata hai pouco o número de académicas era moi reducido; ademais das nomeadas están Luz Pozo Garza e Xohana Torres Fernández, as máis veteranas, e máis Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, esta última recén incorporada.

Outro dos desexos expostos polos académicos é que nas próximas eleccións se presente só unha candidatura, algo que viña sendo habitual na historia da entidade. Isto suporía curar, polo menos en parte, algunhas das feridas que provocou a dimisión de Méndez Ferrín. A RAG mantén baleira a cadeira do expresidente para que cando queira poda volver ocupala.