Libro e homenaxe da Academia Galega a un dos seus presidentes máis activos

A publicación recompila 270 cartas do arquivo persoal de Sebastián Martínez-Risco

.

A Coruña / La Voz 02/02/2017 05:00 h

«Como presidente da RAG, entre 1960 e 1977, Sebastián Martínez-Risco modernizou toda a institución, promoveu a súa renovación coa entrada de xente nova comprometida de verdade coa cultura galega, e que estivera no exilio ou na emigración, como Rafael Dieste, e capitaneou todo o proceso que concluíu co traslado da Academia ao pazo que pertencera a Emilia Pardo-Bazán». Así resumiu Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor da Universidade da Coruña, a figura do académico, xurista e escritor ao que a institución homenaxeou na tarde de onte. Mato é o coordinador do libro Onde ferve o amor por Galiza. Correspondencia do galeguismo exterior con Sebastián Martínez-Risco (1942-1977), que publica a Deputación da Coruña.

A homenaxe foi coorganizado pola RAG e a Irmandade Xurídica Galega nos 40 anos do pasamento de Martínez-Risco e no mesmo interviron Freixeiro Mato, o seu biógrafo; Consuelo Castro Rei, avogada do Estado e membro da Irmandade Xurídica Galega; a actriz Isabel Risco, neta do académico; o membro de número da Academia Xosé Luís Franco Grande e o presidente Xesús Alonso Montero.

Isabel Risco, que falou en nome da familia, fixo o perfil máis emotivo: «Atopo nel un referente, un guieiro, unha fonte. O feito de ser moi cativa cando o seu pasamento non me impediu seguir coñecéndoo e, de xeito case inconsciente, como unha sorte de xenética metafísica, ir incorporando a súa ética política e o seu amor por Galiza e por todo o que ela significa, se ben, e ao fin e ao cabo, é o propio país onde achamos todo o que precisamos para defendelo, admiralo e respectalo».

O académico Franco Grande achegou unha visión persoal lembrando unha relación que empezou cando, unha vez rematada a carreira de Dereito, foi pasante durante cerca de dous anos (1960-1962) no despacho de Martínez-Risco, na praza de Galicia da Coruña. Neste período, lembrou, viviu de cerca o seu nomeamento como presidente da RAG e os cambios que foi imprimindo para a modernización da institución, entre os que destacou a aposta por abrir a RAG á xente nova e máis importante da cultura galega.

Para a avogada Consuelo Castro Rei, Martínez-Risco «exerceu a profesión xurídica desde o compromiso coa terra e coa lingua, e ese compromiso reflíctese tanto na súa produción intelectual como na súa actitude persoal». Non en van, lembrou, foi unha das figuras máis destacadas no ámbito do Dereito civil especial de Galicia e ensaísta no eido xurídico, labor que desenvolveu habitualmente en galego.

E Alonso Montero falou do homenaxeado como «un intelectual polifacético» capaz de facer como o seu discurso de ingreso na RAG, no que fala do sentido da xustiza que hai en Galicia e como esta se manifesta na literatura culta e na popular».

Votación
3 votos
Comentarios