Ourense crea un roteiro polos espazos de Carlos Casares

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Colocaranse vinte placas en lugares da cidade que forxaron a vida e a obra do escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras

25 ene 2017 . Actualizado a las 17:52 h.

O escritor Carlos Casares terá un roteiro na cidade de Ourense para contribuír ao coñecemento e ao diálogo co autor e a súa obra. A capital convértese así na primeira en organizar unha actividade no ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Estará composto por vinte placas de cerámica que fan un percorrido pola vida e a narrativa do escritor. Son lugares que influíron non só na súa literatura, como personaxes da mesma, senón que forxaron a súa identidade. Cada unha das placas -18 estarán no núcleo urbano e outras en Beiro e no Seminario- fará alusión a etapas da súa vida. Algunha delas vencellada aos fitos culturais da cidade e a persoeiros como Vicente Risco, Blanco Amor, Otero Pedrayo e a xeración dos artistiñas, que coñeceu acudindo a moitas das tertulias que neses anos se celebraban en Ourense en lugares emblemáticos como o Liceo ou os desaparecidos Hotel Parque ou Café Miño. «O roteiro presenta Ourense coma o grande marco de referencia das obras de Casares, pero serve tamén como merecida homenaxe de todos os veciños para elevalo ao universo literario de Lamas Carvajal, Otero Pedrayo, Risco, Blanco Amor, Valente...», dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quen lembrou que Carlos Casares é fillo predilecto da cidade dende o 2003.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou que o roteiro esté dirixido principalmente ao ámbito educativo e do profesorado. O primeiro percorrido será o vindeiro 18 de febreiro coa presenza dun cento de docentes. Serán eles os que nos próximos meses expliquen aos alumnos a importancia de Carlos Casares para as letras galegas. Lorenzo lembrou que será un ano denso e diverso de actividades sobre a figura do ourensán e que tanto a cidade como Xinzo serán territorio moi vinculados a cada unha das iniciativas programadas.

De forma paralela, editouse un folleto no que se recolle todo o percorrido e os textos que levan impresas as placas. Todos sacados de relatos do autor. O deseño das placas é de Miguel Anxo Carvalho e Alfonso V. Monxardín é o autor do proxecto. «En principio non está pensado para guías turísticos, se non para formar a profesores para que poidan guiar aos seus alumnos», dixo Monxardín. O presidente da Fundación Carlos Casares e irmán do homenaxeado, Xabier Casares, enxalzou o traballo feito e destacou que recolle perfectamente a importancia que Ourense tivo na súa bagaxe cultural e a súa creación literaria. É ademais unha maneira de que a memoria de Casares fique para sempre na cidade.