«Temos que reivindicar a Cela e á 'Mazurca'»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

O autor presentará en febreiro a edición en castelán de «A vida nova de Madame Bovary»

24 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) está a desenvolver un proxecto que reivindica a galeguidade de Cela e a vixencia de Mazurca para dos muertos, a novela ambientada nas terras ourensás de Piñor e Cea, e xa ten preparada unha nova novela en castelán. Neste caso será unha versión a cargo do propio autor da súa A vida nova de Madame Bovary (Galaxia, 2008).

-Na presentación de «Ourense, Galeguidade e Excelencia na obra de Camilo José Cela» laiouse da escasa reivindicación de Galicia no centenario do autor.

-Son un celiano convencido e defendo que temos que reivindicar a Cela e á Mazurca para dos muertos. Primeiro para Galicia e logo, no caso da novela, para Ourense. Que provincia se pode permitir o luxo de ter unha novela como esa, que é a obra que máis creceu dende que nos deixou Cela e unha das tres máis grandes do escritor?

-Mais cando se publicou as críticas non foron precisamente boas.

-E tanto. Algúns críticos principais deste país cargaron contra ela. Aínda que co paso do tempo foi a que mellor evolucionou e hoxe é unha novela actual e contemporánea. Con Ourense, Galeguidade e Excelencia na obra de Camilo José Cela o que procuramos foi espallar a obra e ao autor entre os alumnos dos institutos ourensáns.

-Aínda non rematou as presentacións da obra e xa ten unha nova entrega.

-Si. Vou presentar o vindeiro día 14, na Casa de Galicia en Madrid, a versión en castelán de Madame Bovary.

-Por que se decantou agora por facelo?

-Foi unha proposta que me fixeron dende un novo proxecto editorial, Doña Tecla, e pareceume unha boa iniciativa. Quedei moi contento co resultado.

-Traduciuna vostede ou encargou o traballo a editorial?

-Fíxeno eu, mais non é exactamente unha tradución. Sempre fun da idea de que todo o que escribo se pode mellorar e corrixir. Daquela o que fixen foi reescribir a obra, suprimindo algúns barroquismos innecesarios e outras cousas que poderían sobrar. Foi un exercicio de estilismo meritorio. Aínda así quedou unha novela voluminosa: leva por título Todas las vidas de Madame Bovary e son máis de setecentas páxinas.