Os galardoados aproveitaron a entrega para reivindicar apoio nos diferentes eidos
24 ene 2017 . Actualizado a las 18:56 h.Agradecemento, pero tamén reivindicación, estiveron presentes na entrega dos Premios da Cultura Galega, que recoñecen o capital creativo e a capacidade innovadora en oito disciplinas diferentes, desde a música ás artes escénicas, pasando polo patrimonio cultural ou as letras. No acto solemne, encabezado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, os galardoados recibiron unha peza de bronce obra do escultor Manolo Paz, como símbolo do traballo no día a día, o esforzo e a constancia.
A escritora María Xosé Queizán, premiada na categoría de letras, apostou pola lectura dun poema no que fixo un alegato en favor de Galicia. Pola súa banda, dende Sarabela Teatro (galardón de artes escénicas) retomaron a reivindicación da actriz María Bouzas o ano pasado: «Queremos que se rebaixe o IVE cultural, esperamos que o ano que ven non faga falta pedilo». Tamén houbo demandas dende a cooperativa Numax (audiovisual), solicitando unha lei de cinema e facilitar que proxectos como o seu se manteñan e outros xurdan. O crítico de arte e director da Fundación Torrente Ballester, Miguel Fernández-Cid (artes plásticas), pola súa banda, reivindicou que se manteñan os espazos culturais. Para a Irmandade Xurídica Galega (lingua), o premio supón un «aguillón», segundo dixo o seu presidente, Xaquín Monteagudo, para continuar promovendo o uso do galego no eido da xustiza. Neste ámbito, indicou que a Administración aínda ten que actuar, porque un dos programas informáticos empregados «é un obstáculo para os traballadores que queren utilizar o galego nos procesos».
Pola súa banda, Maximino Zumalave (música) destacou o papel da música e da cultura na sociedade, apuntando que «poden axudar a combater o desánimo». O Museo de Pontevedra (patrimonio cultural) foi posto como referente das entidades provinciais. O seu director, Carlos Valle, incidiu en que a institución sigue medrando e recibindo ofertas. Nese senso, apuntou que as claves que deben rexer o labor deben ser «constancia, traballo e amor». O cadro de galardoados nesta edición do 2016 completouno Elena Zernova, directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo (proxección exterior), que agradeceu por vídeo o recoñecemento.
A entrega de premios na Cidade da Cultura contou tamén coa actuación de Budiño, Lucía Martínez, o dúo Sara Fernández e Javier Sánchez, e o coro Cantigas e Agarimos. O fío condutor foi a caligrafía de Nacu.
Feijoo anuncia a elaboración dun plan cultural para fixar liñas mestras
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, anunciou durante a entrega de premios a elaboración dun plan da cultura galega, no que participarán tamén os diferentes axentes, coa intención de definir as liñas mestras de actuación para os próximos anos. Considera que se trata dunha ferramenta imprescindible. Ademais, animou aos galardoados a seguir loitando pola cultura de Galicia e a continuar mostrando as súas demandas. O presidente da Xunta tamén destacou que a cultura galega é capaz de adaptarse, e de incorporar cousas novas. «Sen a nosa cultura, o mundo estaría máis incompleto», afirmou. Con anterioridade, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, incidiu na riqueza intelectual e o potencial dos autores galegos nos diferentes eidos.