«Chegar á final da selección para a Sinfónica de Londres foi incrible»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

CULTURA

MARTA CARBALLO / NACHO L. TELLA

Franqueiro competiu nas probas para cubrir unha vacante na célebre orquestra

24 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Natural de Boqueixón, Miguel Franqueiro dirixe desde hai once anos -el ten 33- a banda de música do concello lucense de Sober, unha das máis antigas de Galicia. No 2015 foi seleccionado para participar, como intérprete de tuba, nunha xira da Western-Eastern Diwan, a orquestra internacional que dirixe o célebre Daniel Barenboim. Hai pouco foi escollido como finalista nunha convocatoria para cubrir unha praza vacante de instrumentista na Orquestra Sinfónica de Londres, coñecida mundialmente -entre outras cousas- por ter interpretado todas as bandas sonoras da serie Star Wars.

-¿Conta con chegar a ingresar nesta orquestra?

-Non, porque os finalistas xa fixemos os exames de audición e escolleron a outro aspirante para pasar un mes de proba antes de decidir se o contratan, que é o que fan habitualmente. Pero o feito de ter chegado á fase final xa foi para min unha experiencia incrible. Á convocatoria presentáronse moitos músicos de todo o mundo, máis dun centenar, e fomos dez os que pasamos á última fase. Espero que isto me axude moito na miña carreira e serviume ademais para coñecer persoalmente ao director da Sinfónica de Londres, Simon Rattle.

-¿Como chegou a presentarse a estas probas?

-Cando souben que buscaban un tubista enviei o meu currículo e chamáronme para participar no proceso de selección. Supoño que o feito de ter tocado non hai moito na orquestra de Daniel Barenboim axudou moito a que me escollesen. A verdade é que enviei o currículo só por probar e non contaba realmente con que me chamasen e menos aínda con pasar á fase final, sendo unha orquestra tan prestixiosa e competindo con aspirantes de moitos países.

-¿Como se desenvolven?

-Hai unha primeira fase na que é preciso interpretar varios temas do repertorio propio da especialidade da tuba. Se superas esa fase, pasas a outra rolda na que hai que facer outras cousas máis complexas. Unha delas consiste en que che dan unha partitura sen dicirche de que se trata, e tes só dous minutos para memorizala antes de tocar. Deime conta de era unha peza de John Williams, un fragmento dunha das bandas sonoras de Star Wars.

-¿Ten previsto presentarse a outras convocatorias internacionais?

-Si, este ano vou ir a unha audición para unha orquestra de Turín, en Italia, e a outra en Noruega. Penso seguir facendo tentativas para conseguir un posto estable nunha orquestra sinfónica. Daríame moita pena ter que irme de Galicia, pero aquí é practicamente imposible conseguir un traballo estable nunha formación deste tipo. Agora estou tocando na Real Filharmonía de Galicia, pero non é algo fixo e non sei o que vai durar. Tamén participo nunha orquestra de Bélxica, a Houlencourt Soloist Chamber Orchestra.

-¿Como ve hoxe o panorama da música profesional en Galicia?

-Aquí o panorama profesional é nulo, para ser sincero. Para comezar, en Galicia é moi difícil estudar, porque hai conservatorios pero non teñen a calidade axeitada como para chegar ser un músico competitivo a nivel internacional. Para iso hai que ir formarse fóra. Eu continúo a miña formación indo cada mes a tomar clases na Scala de Milán. E unha vez que adquiren unha formación, os músicos non conseguen encontrar traballo aquí porque non hai orquestras como as que hai noutros países. Por iso hai moita xente buscándose a vida fóra. Para vivir disto hai que traballar en varios lugares ao mesmo e tempo e tamén dar clases de música.

-¿En cantos sitios traballa vostede actualmente?

-Ademais de dirixir a Banda de Sober, estou traballando na de San Cibrao das Viñas, en Ourense. Ao mesmo tempo dou clases de música en Vila de Cruces e Touro. Entre todos estes traballos e a continuación da miña formación teño un calendario moi complicado. Pero son un privilexiado se me comparo con moitos outros músicos.