Esperando a Clint Eastwood

CULTURA

17 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Somos moitos os que admiramos e amamos a Clint Eastwood como actor e como director-produtor de filmes, quizais porque el é un dos intérpretes e creadores cinematográficos que lle sabe dar un sentido máis radical e nobre á palabra heroe. Eastwood non retrata persoas formadas para ter comportamentos intrépidos e audaces. Ao contrario, son tipos normais que se mostran ousados e valentes cando a vida os pon no transo de selo.

A súa última película, Sully, retrataba a aterraxe dun avión de pasaxeiros no río Hudson (Nova York), cos seus 155 pasaxeiros a salvo. A próxima, na que xa está a traballar aos seus 86 anos, contará a historia de Jessica Buchanan, secuestrada por piratas somalís. Ao fallar as negociacións para liberala, o Goberno de EE.UU. enviou para rescatala a un equipo especial moi similar ao que acabou con Bin Laden. Imaxinen a lea épica que armará Eastwood. Se non falla nada, poderemos vela a finais deste ano. Será outra desas películas de Eastwood que falan do ser humano fronte aos compromisos e desafíos da vida.

Diso tratan tamén O foraxido Josey Wales (1975), O sarxento de ferro (1986), Bird (1988), Sen perdón (1992), As pontes de Madison (1995), Mystic River (2003), Gran Torino (2008) ou Invictus (2009), entre outras. En todas elas hai unhas persoas que teñen que enfrontar un destino problemático e que deben escoller a súa maneira de facelo. Esa maneira é o nó das súas películas. Sempre.

Eu teño debilidade polas que acabo de citar, ás que debo engadir Corazón branco, corazón negro (1990), Million Dollar Baby (2004) e as dúas da Segunda Guerra Mundial en Iwo Jima (2006). En todas elas hai homes que fan cousas polos demais, que arriscan as súas vidas e que teñen un código de valores simple, pero cheo de enteireza vital e moral.

Desde que protagonizou Por un puñado de dólares (1964), non deixou de medrar, primeiro como actor e logo como director e produtor. Constantino Romero, que lle prestou a súa voz en castelán, dixo: «Clint Eastwood acompañounos toda a vida. Perseguimos delincuentes xuntos, amamos xuntos, fuximos da policía xuntos». ¡E aínda esperamos máis del!