«Estamos nun momento crítico para o folk, a situación é de parálise total»

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A banda do músico lugués acaba de lanzar «Enxebre», un traballo que explora as tradicións celtas e galegas

05 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou o momento de mirar atrás. Así o ve Eloi Caldeiro, o home que é o núcleo creador de Brath e que no seu novo disco, Enxebre, realiza unha volta ás orixes. «Trátase de volver ás harmonías tradicionais e revisar as raíces. Moitas veces hai que facer este movemento para non perder a guía», sinala o batería.

-¿Poderíase considerar «Enxebre» como un recorrido musical polas tradicións galegas?

-Si, trátase de mirar a eses cultos que, nalgúns casos, perduran como o Samaín ou a Festa das Fachas de Taboada. Hai un pouco de mestura das tradicións doutros países que están na área da música celta e das galegas, como a Santa Compaña ou o Antrid’oso, que é un entroido que se celebra só na Pobra do Brollón.

-¿A experimentación vai agora polo tema da percusión?

-Si, os discos de Brath son os discos dun percusionista, polo que iso sempre vai estar moi presente. A batería destaca, non está como mero acompañante. Queriamos utilizar a maioría da percusión que normalmente toco. Dende a propia batería a os pandeiros, ou o bodhrán, o udu ou material de agora.

-Emprega botellas de plástico como instrumento, ¿por que?

-Porque mesturamos o antigo e o actual. Antes tocábase con botellas de anís ou latas de pementón. Na era do plástico o lóxico é empregar algún destes obxectos. Eu metín o plástico como experimento e creo que funciona ben.

-O disco subliña o dato 1980-2016. ¿Ten «Enxebre» algún significado conmemorativo?

-En realidade o disco ía saír para os 35 anos da banda, pero cando estaba listo pensei meter unhas guitarras eléctricas e buscar novas sonoridades. Pero celebramos os 36 anos igual [risas].

-O de Brath é un exemplo de supervivencia insólito. Poucos grupos galegos duran 36 anos.

-Hai un, Milladoiro, unha banda que ten un ano e pico máis.

-¿Dentro do seu ámbito, que se pode meter nese gran caixón das músicas do mundo, houbo momentos mellores?

-Estamos nun momento crítico. Os anos oitenta foron bos. A mediados dos noventa tamén houbo unha boa época, ata o 2003 máis ou menos. A partir de aí hai un baixón moi grande. As novas tecnoloxías afectaron negativamente. No 2007 a crise empeorou aínda máis a situación. E logo o afundimento das dúas caixas de aforros foi terrible. A súa obra social era importantísima dentro do folk porque facían un labor de esponsorización moi destacado. Todo leva a esta situación precaria, sen que haxa por parte das institución ningún interese en cambiala. A situación é de parálise total, porque non hai posibilidade de chegar ao mercado.

-Esta crise está fomentando as gravacións caseiras low-cost. ¿O seu novo disco rebélase contra esta tendencia?

-Si, eu teño un estudo de alto nivel e queremos facer as cousas ben. Hai bos músicos e bos equipos de son. A única posibilidade de recuperar isto é facendo boas gravacións. Non se pode pensar que un estudio da casa é un estudo de gravación. Vale para facer maquetas, pero non para editar discos. A xente tampouco é parva e recoñece a calidade.

Consegue «Enxebre» con La Voz

O disco de Brath, en edición de luxo e cun amplo libreto a toda cor, pódese adquirir con La Voz por 12,95 euros. Os interesados poden solicitalo no quiosco e os subscritores no 900 154 218