Cristina Pato: «Estar entre os nominados aos Grammy xa é todo un premio»

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

A artista participa nos dous proxectos da Silk Road Ensemble, un disco e un documental, que optan aos galardóns

08 dic 2016 . Actualizado a las 09:56 h.

A próxima edición dos premios Grammy xa ten protagonistas destacados. Calquera que sexa o resultado, e os verdadeiros triunfadores na gala a celebrar nuns meses, as nominacións acadadas por Beyoncé, Drake, Kanye West, Rihanna, David Bowie -a título póstumo- ou Adele xa os converteron nas referencias da nova entrega dos Grammy. Uns premios nos que tamén haberá presenza e protagonismo galego, o que chegará da man da gaiteira e pianista Cristina Pato (Ourense, 1980). A artista hai anos que está vinculada ao proxecto multicultural que promove o violonchelista Yo-Yo Ma, no que participan músicos de todo o mundo, e como tal é unha das protagonistas do documental que se centra na actividade da Silk Road Ensemble. En The Music of Strangers, dirixido por Morgan Neville, visualízase o traballo do proxecto de Yo-Yo Ma tomando como base a figura de varios dos músicos. Cristina Pato é unha das protagonistas e na rodaxe feita en Galicia incluíronse imaxes dos cascos vellos de Ourense e Compostela, Armariz (Nogueira de Ramuín) e o campamento romano de Aquis Querquennis (Bande). Ademais da súa familia, Pato aparece con personaxes da cultura e da música galega. O grupo no que participa a ourensá opta a dous Grammy: un polo documental e outro polo disco da Silk Road Ensemble Sing Me Home, no que se inclúe unha nova versión do tema Cabaliño, que foi gravada xunto cos músicos de Rústica -Davide Salvado, Roberto Comesaña e Anxo Pintos, que tamén foi o autor dos novos arranxos-. 

-¿Cre que acabaran conseguindo algúns dos dous Grammy?

-É moi difícil, aínda que estar nominados xa é todo un premio. No meu caso, estou como se me tocara a lotaría, moi contenta e ilusionada. Figurar nalgúns dos apartados xa é un éxito e neste caso supón todo o recoñecemento ao proxecto liderado por Yo-Yo Ma e a unha proposta arriscada que aposta pola música de raíz e pola multiculturalidade nun mundo globalizado.

-Vostede xa ten acadado importantes recoñecementos. ¿É esta unha cita especial?

-É certo que xa tiven nominacións e que nestes anos me teñen dado premios. Mais neste caso é especial pola ilusión que me fai poder compartilo cos grandes músicos, amigos e colegas de Galicia. Iso sería algo para non esquecer.

-Estiveron hai uns días en Italia. ¿Como resultou a experiencia?

-Xenial. Percorremos o país co documental e tivemos unha importante acollida. Pasouse en varias cidades e a película estivo en doce salas. Estamos moi contentos porque nos está pasando en todos os sitios. En Alemaña, Estados Unidos, Taiwán, Corea, Australia e moitos outros lugares sintonizan co proxecto de Yo-Yo Ma e Silk Road Ensemble. E no meu caso a satisfacción está vinculada a Galicia, á memoria histórica e á nosa cultura. Onde non parece haber interese é en España, xa que ninguén ten proposto a presenza aí do documental.

-Nos últimos tempos está moi centrada na súa faceta como docente.

-É certo, aínda que forma parte dun conxunto de actividades. Esta mesma tarde [por onte] participo xunto con outros membros da Silk Road nunha conferencia na Universidade de Harvard sobre Ritmos de vida: unha conversa sobre artes e curación con Silk Road. Os participantes inciden na curación en diversas etapas da vida, dende a infancia á senectude, tomando como elementos o diálogo, a memoria e as manifestacións musicais. 

-Vostede promoveu un traballo centrado na perda da memoria tomando o mito do esquecemento como referencia. O caso de Maruxa, a súa nai, é a orixe.

-Si. É un campo que me interesa en especial e creo que dende cantos máis sectores de coñecemento se incida nel, non só dende medicina, máis se avanzará.