O xornalista Albert Camus

CULTURA

02 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Se tivésemos que citar hoxe o nome dun mestre do bo xornalismo, indispensable en calquera tipo de sociedade, atinaríamos dando o nome de Albert Camus, morto hai xa máis de 50 anos. Porque el sempre pelexou por ter os datos reais (certos) de cada situación, para logo expoñelos e difundilos, sen importarlle o aplauso ou o rexeite que colleitasen.

Comprometido sempre coa verdade desde a súa propia cosmovisión, nunca quixo sacrificar aquela por satisfacer a esta. E neste punto está o certificado da súa grandeza como periodista. Porque Camus dirixíase ao lector coma un igual. Por iso lle pedía que non camiñase diante del, porque podía non seguilo; que tampouco camiñase detrás, porque podía non guialo; pero que si camiñase cabo del e que fose o seu amigo.

Camus cría que a verdadeira desgraza da vida non era non ser amado, senón non saber amar, porque no home había moitas máis cousas dignas de admiración que de desprezo. Por iso cría que unha persoa cabal e plena non podería amar sen amarse a si mesma. Era a súa maneira de ver a relación do ser humano coa realidade e, tamén, xa que logo, co xornalismo, que foi a paixón da súa vida, xunto coa literatura e o teatro.

Tocoulle vivir o conflito franco-arxelino (naceu en 1913 en Mondoví, en plena Arxelia francesa) e logo tivo que afrontar a II Guerra Mundial e as súas consecuencias, sen deixarse arrastrar nunca polas paixóns revanchistas nin polas vinganzas cegas. De feito, a guerra representaba para el «a soidade infinita» do ser humano, porque era unha sorte de «estupidez que insiste sempre», que se repite, aínda cando sabemos que é o mal por antonomasia e a agudización das desgrazas humanas. É por esta condición comprometida pola que quero reivindicar a súa exemplaridade como xornalista. Porque el nunca cambiou unha liña por medo a perder apoios ou quedar só.

Titulárono de filósofo, porque o foi, pero sen afastarse nunca da condición do moralista que vía o mundo -e escribía sobre el- desde o seu propio compromiso coa realidade, que non lle permitía alterar as súas conclusións, nunca pactadas con outros intereses ou bandos. Acabou enfrontado con case todas as «ideoloxías cunha finalidade histórica», porque cría que distanciaban ao home do humano. Pero o seu xornalismo non cambiou nin sequera cando a súa propia ideoloxía evolucionaba.