Pyjama Party

CULTURA

18 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

ourensán Alfonso S. Palomares acaba de publicar unha fermosa novela, Pyjama Party, sobre o cambio xeracional posibilitado, en pleno franquismo, polas viaxes de mozos universitarios españois á Europa libre. No caso que el expón, a viaxe é por Francia a Inglaterra, e o protagonista é un mozo con gana de saír fóra da taleiga franquista e descubrir unhas liberdades que el sospeita, pero que aínda non tivera ocasión de apalpar nin vivir. Unha boa estratexia narrativa e unha alta calidade literaria, chea de imaxes brillantes e de reflexións lúcidas, completan un mapa espiritual multipolar no que están todos os vértices da realidade: a cultura, a política, o sexo e, sobre todo, a mestura de todo isto, é dicir, a Europa auroral e promisoria dos anos 60.

A sinfonía narrativa ábrese cunhas vivencias que mesturan elementos culturais (con Albert Camus á fronte) con vivencias cargadas dun erotismo moi promisorio. Un territorio que Palomares explora con imaxes poéticas e ás veces procaces, como cando nos informa de que «as súas mans entoleaban ao percorrer a cálida elasticidade dos seus peitos» ou de que non sabemos as «acrobacias que facía coa lingua». De xeito que, a carón dunha sutil e profunda reflexión cultural, vai medrando tamén unha especie de «memoria da luxuria», é dicir, algo que enlea o desexo nunha progresión crecente e liberadora.

O estilo narrativo de Palomares convértese ás veces nun diálogo, sobre todo cando se dirixe a nós con expresións como: «Non me dirán que non» ou «vostedes xa me entenden», que serven para aumentar a complicidade entre o narrador e o lector. Unha complicidade que é inevitable cando un atopa na súa propia vida experiencias semellantes. Palomares identifica ben ao seu lector, sabe a quen se dirixe e acurta as distancias ata convencernos de que o temos ao lado, de que fala para nós e de que estamos escoitando a confesión dun amigo, unha especie de recordatorio de algo que viviu e que nos interesa. Porque, ao cabo, daquela todos comezamos a ir a Europa e experimentar variedades do que o personaxe pioneiro de Palomares nos conta con sabedoría. Por iso, cando retorna a España, comparte con nós o seu asombro polo que acaba de vivir, que é xustamente o que termina de contarnos. Ao volver á súa terra decátase de que «a orde era a relixión do réxime franquista».