Buenos Aires redescubre a mirada do fotógrafo galego José Suárez

paula sabajanes BUENOS AIRES / E. LA VOZ

CULTURA

JOSÉ SUÁREZ

A exposición «Uns ollos vivos que pensan» recolle a súa vida e traxectoria a través de 105 fotografías, obxectos persoais e material audiovisual

19 oct 2016 . Actualizado a las 10:39 h.

As imaxes e os sentimentos do fotógrafo alaricano José Suárez regresan hoxe a Bos Aires coa inauguración da exposición Uns ollos vivos que pensan, que recolle a súa vida e traxectoria a través de 105 fotografías da súa autoría, obxectos persoais e material audiovisual na sala principal do Centro Cultural Borges ata o 9 de novembro.

Coa mostra en Arxentina, onde Suárez viviu parte do seu exilio, onde traballou como reporteiro gráfico no xornal La Prensa e onde fixo moitas das fotos da exposición, «cúmprese o obxectivo de proxectar a súa obra fóra de Galicia», explicou satisfeito o comisario Manuel Sendón. Tamén confesou que espera que coa difusión do evento podan cumprir tamén a o anhelado desexo de facerse cunha copia da película Mariñeiros que José Suárez rematou e estreou en Bos Aires.

«O 18 de xullo de 1936, cando tivo que exiliarse, Suárez estaba rodando o filme no Morrazo» e existe «referencia de que a película se estreou no Teatro Avenida de Bos Aires pero nós nunca a vimos», explicou Sendón. Luís Seoane falou de Mariñeiros na publicación Galicia Emigrante e mesmo o xornal sindical arxentino O Heraldo cinematografista recolle a súa estrea pero non se coñecen copias do filme.

O Centro Cultural Borges está emprazado no edificio das Galerías Pacífico, un extraordinario edificio que conserva unha cúpula pintada por Manuel Colmeiro. Suárez e el coincidiron na viaxe ao exilio e o rostro de Colmeiro é un dos retratos desta mostra antolóxica do fotógrafo galego.