A homenaxe aos escritores ourensáns abre o Congreso do PEN Internacional

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

CULTURA

José Manuel Pedrosa

Convocado baixo o lema «Erguendo pontes literarias», incidirá de xeito especial no mundo da lusofonía

26 sep 2016 . Actualizado a las 11:16 h.

Ourense será dende hoxe punto de encontro de escritores e xornalistas chegados de todo o mundo. Ata o vindeiro domingo, día 2 de outubro, a cidade acollerá as sesións de traballo, debates, encontros e propostas culturais programadas no Congreso do PEN Internacional. Será a segunda vez que a cita mundial do PEN se celebre en Galicia, xa que no ano 1993 foi Compostela o escenario da xuntanza.

A xornada de apertura acollerá unha convocatoria, o proxecto Ourense Literario, que servirá para renderlle homenaxe aos autores ourensáns. A iniciativa, que se programou a xeito de acto inaugural, desenvolverase no Teatro Prinicipal a partires das 20.00 horas e será presentada por Bieito Iglesias. No espazo cultural da Rúa da Paz haberá unha lembranza literaria centrada nas figuras de Eduardo Blanco Amor, Carlos Casares, Antón Risco, Antón Tovar, Pura Vázquez, Marcos Valcárcel e Xosé Fernández Ferreiro -todos eles foron no seu día membros do PEN Clube Galicia-. No acto tamén se contará coa participación do grupo de teatro A Panadaría.

Persecucións e dereitos

O congreso compaxinará as asambleas de delegados e as xuntanzas de traballo -só para os membros das diferentes delegacións que están na cidade- e os debates, mesas redondas e actos paralelos que son de acceso libre. Neste apartado inclúense propostas como a exposición Libertas, de Olegario Sampedro. Na mesma, o seu creador tenta facer visible a realidade, tanto dende o punto de vista histórico como na actualidade, de todos aqueles escritores que, nalgún momento, viron vulnerados os seus dereitos fundamentais de expresión «como consecuencia directa ou indirecta da redacción ou publicación das súas obras». A mostra poderase ver dende a primeira hora do martes, abrirase ás 09.00 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel -sede do congreso-. O día 27 celebrarase a sesión Persecución de escritores, xornalistas e blogueiros no Tíbet e Fernando Ramallo presentará o informe Liberdade de expresión e dereitos lingüísticos. Tamén haberá, neste caso na Praza de San Martiño, una sesión titulada A (Poesía) milagre do mundo, unha idea de Manuel Rivas con música de Pulpiño Viascón e textos de Olga Novo, Oriana Méndez, Estevo Cereus, María do Cebreiro, Dores Tembras, Xohana Torres, Iolanda Zúñiga e Lucía Aldao.

O día 28 haberá un Obradoiro de Haikus, a mesa redonda Galicia, ponte literaria -na que participarán Nélida Piñón, Claudia Piñeiro, Méndez Ferrín e Luís González Tosar- e a Cea literaria, con lectura de textos dos delegados e participantes no seu propio idioma. O 82 Congreso PEN Internacional dará un papel protagonista ao mundo da lusofonía e a relación de Galicia co mesmo e para o mércores están programadas as sesións Escritores, editores e axentes literarios na periferia e Lusofonía no PEN. Neste último aspecto tamén se incidirá na xornada do día 30, onde as actividades se desenvolverán en Braga. O último día de programación do congreso, o 1 de outubro, a xornada desenvolverase en Santiago de Compostela e, xunto coas visitas pola cidade e ao Parlamento de Galicia, inclúese a entrega dos premios Rosalía de Castro. Desenvolverase na Cidade da Cultura e nesta convocatoria do PEN Clube Galicia os galardóns foron para Almudena Grandes (castelán), Dina Salustio (portugués), Mariasun Landa (éuscaro) e Alex Susanna (catalán).

De Piñón a García Montero

No congreso que hoxe enceta está confirmada a presenza de arredor de douscentos delegados, procedentes de centros dos cinco continentes. Dúas das delegacións, a de Corea do Norte e Irán, están formadas por escritores que se atopan no exilio. Entre os participantes, a organización destaca como «convidados especiais a Claudia Piñeiro, Nélida Piñón, Eric Lax, Laura García Lorca, Paco Audije, Rui Madeira, António Barroso, Luis García Montero, Almudena Grandes, Mariasun Landa, Alex Sussana e os galegos Xosé Luis Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Yolanda Castaño, Fernando Ramallo e Davide Salvado, entre outros».