Laica

Blanca Riestra

CULTURA

relatos 30

Trixésimo capítulo da novela por entregas «Noire compostela» de Blanca Riestra

30 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un dito popular que di: «Se non podes vencer ao inimigo únete a el». Outro confirma este consello: «Se non podes deter a mar embravecida, mergúllate nela e nada».

Touriñán pasou outra noite en vela, o que xa comezaba a ser costume. Non fixo cousas románticas, só estivo mirando episodios de CSI Miami e, logo, cando cansou, navegou pola internet -pola internet máis prosaica- onde estivo lendo murmuracións sobre algúns xogadores de fútbol, cousa que sempre o distendía.

Á mañá seguinte, pasou pouco tempo no despacho, tiña a impresión de que todo ía en paralelo á verdade do caso. Paco seguía ausente, e Abelenda estaba de visita. Tiña a impresión de que se atopaban moi lonxe da resolución do asunto.

Saíu cedo e estivo toda a tarde preguntando por ela nos bares. No Rúa Nova non sabían nada: dera a súa dimisión o pasado xoves. Asuntos persoais, dixeron. Estivo na Biblioteca Xeral e non a atopou sentada na sala de lectura, tampouco no pequeno xardinciño do patio sombreado.

No seu inmoble, naquel dédalo de rúas barateiras en que se convertera dun tempo a esta parte o ensanche, non respondía ninguén. Chamou unha, dúas, tres veces e non houbo movemento ningún tralas ventás escuras.

Como non tiña que facer, volveu á comisaría. Alí estaba Abelenda moi alporizada. Revolvía e remexía e volvía a remexer:

-Hai que chamar a Paco, necesitamos probas. Urxentemente.

-Non contesta, seica está malo.

Touriñán sentouse na súa mesa. Abelenda apoiouse diante del, parecía desfeita.

-Estiven no arcebispado.

-E logo?

-Non me recibiron! Montei unha leria de coidado. Logo veu o cóengo, despois o deán e, finalmente, trouxéronme ao señor bispo!

-E logo?

-Mofáronse de min.

Touriñán quedou a cadros, non soubo se rir ou calar, por se as moscas.

A comisaria Abelenda non daba coas verbas xustas:

-Conteilles a miña teoría.

-E cal é a súa teoría?

-Pois coido, eu? coido que o asunto das cintas ten que ver coa Igrexa. Sen dúbida os cregos tiñan montada algunha organización sectaria, para-eclesiástica que tiña no centro a esta rapaza, bonitiña. Explotaríana ou xa non sei. Iso explicaría a mecánica de sacrificios e violencia tan mal documentada, por certo, que proliferou na cidade aquel ano de 1983. Logo recibiron chantaxe por parte dos rapaces cibernéticos e pagaron o pertinente, ata que os rapaces subíronse á parra, subiron as súas esixencias e os outros tiveron que acabar con eles.

-Quizais non.

-É verdade que non temos probas.

-Pero que me di da data da gravación? É inmortal a bonitiña? Porque segundo o Paco esas imaxes teñen corenta anos.

Abelenda derrubouse na cadeira con síntomas de esgotamento.

-Pode que non sexa ela a rapaza da cinta, todo o mundo é intercambiable, todo o mundo asemella a todo o mundo, quizais adoraban a imaxe de calquera moza nova, inocente e perversa o mesmo tempo.

-E disque a curia riu?

-Riron, si. Pero todo isto non é, en verdade, disparatado, disparatados son eles, todo isto ten moito que ver coa interpretación da historia dos rosacrucianos e dos merovinxios? Colleron unha rapaza e fixeron ao redor dela rituais de adoración.

-E que dixo o bispo?

-O bispo escoitou e asentiu. E logo todos retiránronse coma se fosen bailar un minué. Parecía que ían bailar, abofé. Nin sequera negaron, tiñan como un ar de magnanimidade que os arrodeaba. Sentinme, como cho podo explicar, sentinme vexada, sentinme o que se di? laica.

Touriñán reprimiu un sorriso:

-E que é laica.

Abelenda puxo a súa man na fronte para combater a migraña.

-Laica ata certo punto, Touriñán. Que son policía.

RESUMO

A comisaria Abelenda e Touriñán ollan a cinta por enésima vez. Paco non veu hoxe pois está de resaca. Abelenda explica que para ela, detrás dos crimes hai un claro compoñente político. Na súa opinión trátase dun traballiño do FPG, do arcebispado, da Xunta ou dos Gobernos central e autonómico compinchados. Na cinta, unha rapaza moi fermosa nun lugar idílico apenas fala. Logo de repetir varias veces o visionado, Abelenda conclúe que o ruído do final non son cánticos, mais rezos.