Dálle ao «rewind»

Blanca Riestra

CULTURA

ABRALDES

Vixésimo noveno capítulo da novela por entregas «Noire compostela» de Blanca Riestra

29 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Por moito que Touriñán ollase para a cinta, non retiña máis que fonda ledicia. Era, así, coma neses momentos privilexiados que os moribundos rememoran cando están ás portas da morte.

Ao seu carón, a comisaria Abelenda tomara asento. Paco estaba de baixa por resaca.

-A verdade é que, ao meu parecer -dicía Abelenda- arrostramos un asunto político. Pode que ande detrás o FPG.

-Pero que me di?

-A outra hipótese que barallo tamén é política: pode ter sido un traballo da Xunta e do Arcebispado para tapar un guateque que rematase mal. No oitenta e tres, a todas luces.

-De verdade pensa iso?

-Non veu o cóengo de visita a falarche da crise moral de Occidente?

-Si.

-Pois, en verdade, estaba a falar da súa propia crise moral ou da crise moral do arcebispo Xelmírez ou de calquera.

-Pode ser pero?

-A miña terceira hipótese é que o Goberno central e o autonómico, compinchados, coas mans manchadas de sangue na represión dos disturbios pola reconversión naval, tiveron que acochar o sucedido.

-Gústame esta última. Con todo, ningunha das túas hipóteses xustifica a presenza da rapariga e a morte dos rapaces.

-Non si?

Touriñán acendeu de novo o magnetoscopio, apagou as luces e, alí, no despacho, sentados no sofá, Abelenda e mais el puxéronse a ollar para as raias da cinta baldeira.

-Espere, aínda non chegamos.

Raias e raias e barullo de fritura mergulláronos nun clima de recollemento. Pero toda meditación arriba ao seu punto de non retorno. A comisaria impacientábase.

-A ver.

-Xa chega.

A cámara acercábase amodiño, entraba na habitación sombreada. Tralas persianas un presentía o morno verán galego. A cámara seguía e seguía, ata se deter enriba do corpo, cuberto por unha única saba. Non se escoitaba máis que a respiración da rapaza durmida.

Logo, un can pequeniño ladraba e a mesma rapaza xogaba mostrándolle un xoguete. Estaban nun xardín privado, preñado de camelias. O can brincaba e corría e a rapaza ollaba para a cámara e dicía: «Non». «Non», dicía ollando para a cámara. E logo volvía a escuridade. A negrura

-Centrémonos, agora comeza a mellor:

No silencio sepulcral a voz da rapaza xurdía coma auga fresca.

«Non»

«Non quero»

E ría. O escenario era de vivenda de clase media, unha sala decorada con óleos de flores e de basílicas. O sofá era de cretona inglesa. As ventás, de castiñeiro, estaban entreabertas. A rapaza ría, parecía estar en confianza, coqueteaba, facía burla do descoñecido, ou dos descoñecidos. Pero non tiña medo.

Agora as imaxes discorrían especialmente solares, luminosas. Semellaba que un ar de verán estaba a entrar pola ventá, inchando as cortinas do pasado. E a rapaza quitaba primeiro o corpiño e ría, e unha voz diante dela -de home ou de muller- dicíalle algo, e ría tamén.

«Dádeme unha calada», dicía a rapaza. E un brazo masculino tendíalle un pito, cerimonioso.

-Sube o volume. E dálle ao rewind -ordenou Abelenda.

Touriñán obedeceu.

«Non, non insistas», dicía a rapaza.

-Escoita.

-Que di o outro? -oíase un murmurio moi xordo como dunha fontiña, vanamente articulado.

-Volve para atrás -Abelenda pegou a orella ao televisor. - Outra vez.

-Alí está, son moitos, rin, son homes.

-Oes algo máis?

-Non oio ben.

-Creo que están a cantar, alguén canta. Fíxate. É cando a rapaza pon o seu pequeno aceno.

-Como van cantar, Abelenda? -cortou o outro.

-Si tal.

A comisaria, excitada, arrebatoulle o mando a Touriñán. Acercouse aínda máis.

-Están a cantar.

Logo, fixo o signo de stop.

-Espera.

-A ver.

Deixou pasar uns intres, dubitativa.

-Ou talvez -tatexou- ou talvez, recen.

RESUMO

Paco e Touriñán pasean. Paco fala do que atopou na profunda web. Está convencido de que os rapaces comerciaban con algo. E que ese algo tiña que ver coa cinta. Quizais non coa cinta propiamente dita, xa que non había nada na cinta que inculpe a ninguén. Engade que a cinta recolle algo semellante a unha parusía. Touriñán comunica o seu medo pola rapaza, pois quizais estea en perigo. Pero Paco afirma que é imposible que estea en perigo xa que, a todas luces, é inmortal.