A historia metafísica

Blanca Riestra

CULTURA

Vixésimo sexto capítulo da novela por entregas «Noire compostela» de Blanca Riestra

26 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao día seguinte, ás nove da mañá, a comisaria Abelenda estaba como un reloxo na edición local, en Salgueiriños. Non esperaba ser recibida con grandes festexos: nos últimos tempos tivera algunhas diferenzas co director, por mor dunhas filtracións de orixe descoñecida que paralizaran un par de casos.

-É que non pode ser que os cacos descubran que están para ser detidos pola prensa.

-E logo estades contra a liberdade de expresión?

-Non me marees, Laureano. O mundo está louco. Ti estás louco.

-Pero que iamos facer, se non chegamos a o publicar nós, vai e se adianta a competencia.

-Laureano, non me xiringues, que nos coñecemos.

Para máis inri, Laureano era un amigo da infancia e, como tal, críase permitido todo tipo de familiaridades e impertinencias.

-Colliches peso, corazón -díxolle un día. E Abelenda houbo de sobrepoñerse ao impulso irresistíbel de levalo detido.

Tamén lle prestaba moito facerlle agarimos e darlle cachetiños nas meixelas.

-Hei, que non son a túa filla, ho.

-Toleas! Coa miña filla non teño tanta confianza.

-Á próxima, saco a arma regulamentaria.

-Veña, dime o que queres - e levábaa ao despacho sen moito entusiasmo.

-A ver, veño falar contigo sobre o ano 1983, que pasou entón en Santiago?

-Non me sei de memoria as noticias de hai corenta anos, vas ter que visitar os arquivos.

-A ver, non te fagas o remilgado. Unha cousa é o que aparece nos xornais e outra a historia subterránea das cousas.

-A que está fatal, es ti. Fálasme da intrahistoria?

-Un pouco si.

-Da historia íntima da cidade? Da súa historia metafísica?

-Non me piques. O que quero dicir é que, por unha razón ou por outra, hai cousas que pasaron aquel ano que non aparecen nos papeis, tampouco nos meus arquivos.

-Pois mira, dun punto de vista intrahistórico, lémbrome que nese ano o PSG abandonou o BNG (aínda que un populoso grupo de de militantes do PSG permaneceu no BNG). Logo o PSG se fusionaría con Esquerda Galega.

-Non che falo desa intrahistoria.

-Foi tamén o ano en que Radio Océano, cos ínclitos Johnny Rotring e Rossmero, gravou a súa primeira maqueta.

-Máis.

-En 1983, Fraga aínda era o xefe da oposición no ámbito nacional. Dirixía Coalición popular. Lémbrome de que Cambio 16 publicou ese ano que o xefe de seguridade do presidente de Alianza Popular, Manuel Fraga, era Rodolfo Eduardo Almirón, vinculado á organización terrorista arxentina de ultradereita coñecida como a Triple A.

-Vai ser que non.

-En 1983, así a bote pronto estreáronse filmes como El Pico, El Sur, ou Bearn y la casa de muñecas.

-A ver, céntrate.

-Nos bares soaban os Sweetdreams dos Eurythmics e Synchronicity de Police.

-Pero na cidade, Compostela, que pasou ese ano?

-Non pasou ren, morreron os vellos, empreñaron as rapazas, alguén fíxose ionqui, o habitual.

-Algo máis pasou.

-Foi o ano da nacionalización de Rumasa e Juan Pablo II rehabilitou a Galileo Galilei. Non sei, era época de moita rabia. Houbo desordes na periferia das grandes vilas, así de memoria, seica houbo unha redada contra o narcotráfico brutal. Os charlines quedaron moi prexudicados.

-Pero exactamente?

-Se queres a miña opinión é que se lles foi das mans e logo pasou a secreta -os teus- a facer limpeza.

-A quen se lles foi das mans?

-Aos poderosos, claro.

-Houbo represión das desordes, entón?

-Mira non che sei dicir. O que sei é que aquí hai moito ao quen no se pode tocar nin por asomo. Os ricos e poderosos plantan cara ao mundo, como quen di.

-Mira, entre ti e o meu marido, as cousas son cada vez máis confusas. Non sei quen me manda preguntarche.

RESUMO

Abelenda e o seu home conversan no leito conxugal sobre as súas lembranzas dos oitenta, anos en que ámbolos dous eran estudantes. Coinciden en que eran épocas románticas e terríbeis. Antonio lembra que no oitenta e tres houbo coma unha implosión negra de crimes non resoltos: corpos esnaquizados en malas Samsonite, saltos polas ventá de mulleres espidas, bañeiras cheas de sangue. Fora coma se houbese unha enerxía maligna que desbordase dende o corazón do ensanche, dende aquelas casas de pisos.